Buscar neste blog

venres, 20 de marzo de 2015

A Tempestade, de William Shakeaspeare (Voadora)

Hoxe decidín que sería un bo momento para comentar o espectáculo d'A Tempestade, baseado na obra de William Shakeaspeare, pola compañía Voadora. Debo dicir que xa vin esta obra alá polo mes de outubro nunha matinal, pero como se segue representando nalgunhas cidades adícolle unha entrada.  

Trátase dunha peza dirixida por Marta Pazos, quen deu lugar a unha excéntrica produción que se caracteriza polo constante xogo cos diferentes planos. Cómpre aclarar que non lin a obra orixinal, polo que seguir a trama do espectáculo resultaba máis complicado ca se o lese. Por isto, cando a vin non me fixei demasiado no argumento (de feito, neste ámbito, a maioría dos espectadores, todos estudantes de entre 16 e 18 anos aproximadamente, non seguimos con facilidade o fío argumental), senón que me centrei no resto de elementos renovadores, tanto no xogo coas dúas realidades coma na escenografía da obra. 

Dende o momento no que ves que un dos protagonistas inicia a obra dende unha mesa diante do escenario, coma se se tratase dun director que vai controlar un ensaio do grupo, daste de conta de por onde van ir os tiros: será unha adaptación d'A Tempestade nada convencional. De feito, aínda que a continuación todos os personaxes se introducen na historia, cando os espectadores perden a consciencia de que son espectadores, atópanse cun Ariel proclamando cara á cuarta parede, diante dun espello no que o público se ve reflexado: "ei, ese é o meu reflexo, que estou vendo unha obra de teatro...". Elementos similares a este e as moitas alternancias entre o plano da obra e o plano do ensaio constitúen uns dos factores máis interesantes dunha peza na que nunca sabes se os actores aparecerán por entre o público ou no escenario directamente, se as discusións se están producindo entre personaxes ou actores, se Próspero estará sendo o director do grupo ou o mago controlador do resto de personaxes. 

Por outro lado, os elementos escénicos e a utilería son do máis variado e orixinal: dende unha motocicleta (sí, unha auténtica motocicleta) que trae pizzas para os membros do elenco, ata unha banda completa ao final da obra, pasando pola plataforma xiratoria que move Calibán na que vai Miranda. A utilización de espellos para crear o corpo de Calibán con tantas extremidades foi un dos trazos que máis me chamaron a atención, sen esquecernos das cabezas de cabalos que protagonizan unha escena dos namorados. Cómpre destacar que con poucos elementos, conseguen crear todo tipo de ilusións: incluso forman un tiovivo nun momento dado. Por outro lado, é importante ese omnipresente piano de cola, dende o que Próspero acompaña moitos dos seus feitizos, creando un efecto do máis envolvente (neste ámbito, a música en directo tamén dá lugar a unha peza do máis heteroxénea).

Antes de concluír este pequeno comentario, quero resaltar o toque humorístico aportado principalmente por Borja Fernández (Trínculo) co seu traxiño de cores, e Guillermo Weickert; a este último (máis ben a Stefano) teño que agradecerlle unha tarde de espirros grazas á súa grande e vermella "capa de rei" que, como el predixo, iba provocar "o festín dos alérxicos". Por outro lado, tamén me impresionou gratamente Fernando Epelde,  por ser tan camaleónico e interpretar a un Ariel tan "cambiante", por dicilo dalgunha maneira. Neste ámbito, gustaríame felicitar a vestiario e maquillaxe, así como ao resto do equipo en xeral, posto que non resulta unha tarefa sinxela preparar e coordinar tantos personaxes diferentes. Sen dúbida, unha obra recomendable sobre todo polo xogo co metateatro e a impresionante e obviamente moi traballada escenografía.

Ningún comentario:

Publicar un comentario