Buscar neste blog

luns, 16 de marzo de 2015

Perplexo, de Marius von Mayenburg (IlMaquinario teatro)

Xa desfrutei deste espectáculo en dúas ocasións, e por iso é polo que supoño que se merecen unha entrada neste humilde blog. Perplexo é a clase de obra teatral que volvería a ver unha e outra vez, para descubrir novos detalles que de primeiras poden pasar por alto. Grazas a esta produción, descubrín ao grupo ourensán IlMaquinario teatro, do que me considero dende entón unha fan incondicional, tanto a nivel profesional como persoal (pídome o posto de coordinadora dun club de seareiros da compañía).

Por un lado, está a orixinalidade da peza, algo que xa se advertía ao ler o pequeno dossier do Galicia Escena Pro:

  

"Cres que sabes perfectamente quen eres. Cres que sabes perfectamente quen son as persoas que están ao teu carón. A túa parella. O teu mellor amigo. A túa nai. Cres que sabes perfectamente o que está sucedendo ao teu redor. Cres que ti manexas a situación. Cres que es TI quen conformas a túa propia realidade. Que sabes perfectamente como é a túa vida. Que o teu fogar é teu e que tes un nome, unha tarxeta de crédito e unha póliza de seguros. Cres que tes CERTEZAS. Pero as CERTEZAS neste mundo son case unha UTOPÍA. Ata que punto é real o que inxenuamente adoitamos chamar "realidade"? Cando toda a realidade se derruba ao noso redor... a que podemos aferrarnos? 
Benvidos ao universo de Perplexo, o novo espectáculo de Ilmaquinario Teatro."


Tras ler isto, quen podería resistirse? Efectivamente, esta obra invita ao público a reflexionar e a darse conta do moito que cremos que sabemos pero que en realidade non é así. Brincando entre o escepticismo, o nihilismo, o absurdo, a interacción co público, os clichés, o egocentrismo humano, a vida líquida, amoldándose sempre ao recipiente que a contén. Sen dúbida, a síntese entre filosofía e teatro é do máis interesante da produción, na que nada é casual, ata o máis mínimo xesto conta cun significado, dando lugar a un sempiterno xogo co público. Dende o patio de butacas, puiden comprobar que o público desfruta de cada minuto, deixándose levar polos cambios de rol, as alianzas e as perplexidades que tanto caracterizan a obra. Neste ámbito, quero resaltar o labor de Tito Asorey, director, por conseguir que o público abandone o teatro pensando que presenciou algo diferente (un "WTF teatral no que todo está pensado", como el mesmo me comentou falando da obra), e ao mesmo tempo algo que fai reflexionar para sacar conclusións de xeito individual, posto que "molesta o teatro cando lle di á xente o que ten que pensar". Aproveito estas liñas para agradecer a Tito adicarme uns minutos do seu valioso tempo para comentar a obra, así como aos membros do elenco por desvelarme algúns dos segredos entre bambalinas.
Debo recoñecer que os catro actores eran descoñecidos para min ata o momento (Melania Cruz - de quen xa falei na publicación anterior, ironicamente -, Fran Lareu, Fernando González e Laura Míguez), pero non obstante podo afirmar que procurarei non perderme ningunha das súas producións a partir de agora (de feito, teño pendente ver o que foi o primeiro espectáculo da compañía, O Home Almofada, unha produción que non ten nada que ver con Perplexo). O traballo que supón a representación dunha peza destas características fai que todo o equipo se mereza o maior dos aplausos. Sen dúbida, tendo en conta o conxunto de pezas que conforman o espectáculo, podería dicir que para min foi unha das mellores obras da tempada, por non dicir a mellor. Impresiona a capacidade dos actores para transformarse noutro personaxe sen que apenas nos demos conta, iso sí, sempre acumulando parte das experiencias vividas con anterioridade, para que ao final descubramos que, en última instancia, fóra da caverna pode que non haxa nada.
E aínda que así fose, que máis dá? 


Enlace á páxina web da compañía: http://www.ilmaquinarioteatro.com/
Comentario doutra peza de IlMaquinario, O Home Almofada:
 http://teatroentreluscoefusco.blogspot.com.es/2015/06/o-home-almofada-traves-de-ilmaquinario.html
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario