Buscar neste blog

martes, 19 de maio de 2015

Demolición, de Cándido Pazó (Talía Teatro)


Unha curva da estrada. Unha cadeira de rodas. Uns apartamentos en primeira liña de praia. Unha enfermidade. Varios coches. Un can negro. Unha praza de minusválidos. Un calcetín. Dous personaxes dispares. Dous pasados. Unha demolición. Isto e moitas curiosidades máis, no espectáculo Demolición, escrito e dirixido por Cándido Pazó e transmitido ao público a través de Toño Casais e Artur Trillo, de Talía Teatro.

A sede da conversa, un lugar indeterminado ao lado dunha curva da estrada. Unhas pedras, os restos dun cartel enferruxado e unha farola escangallada son testemuñas dos xuízos de Santi Dinamita (Din) e Mario. É curioso como, paulatinamente, imos coñecendo a ambos personaxes. Os pensamentos dun vense de súpeto interrompidos polas palabras do outro, nun xogo de tira e afrouxa que nos mantén intrigados. Os comportamentos van collendo forma a medida que avanza a trama, para rematar cunha reconstrución case íntegra do pasado dos dous estraños. 

Conversas cargadas de reflexión. A frustración como solución?  O pobo é bo por definición? Ata que punto todo é relativo? Sen dúbida, quédome coas ideas transmitidas a partir das formigas e os estorniños. Coas primeiras, cada individuo cumpre a súa función polo ben da colonia, nunha sempiterna alienación incuestionada. Os estorniños rompen, ironicamente, as inexistentes regras e trazan impredecibles traxectorias no ceo, marcando a súa propia liberdade. Dúas actitudes completamente opostas, que se poden trasladar sen moito esforzo ás da sociedade actual. 

De xeito máis directo, menos metafórico, vemos que Cándido Pazó trata temas que están á orde do día, dende o propio título da peza (reforzado con sentenzas varias como "contra a especulación, demolición", "casas sen xente, xente sen casa") ata os problemas que conleva a condución temeraria, así como as perspectivas ante diversos temas por parte dos dous protagonistas, a miúdo opostas. Dúas personalidades chocantes entre si, pero ao mesmo tempo semellan "complementarias". Crúzanse miradas nos momentos xustos, as bágoas agroman nos seus ollos no momento adecuado: Artur Trillo e Toño Casais aportan esa credibilidade que precisa o teatro para deixar que o público sexa engulido pola historia. A síntese entre drama e comedia (comidrama: un termo que exprese esa alquimia dramática entre o humor e a emoción, entre a dor e o pracer, entre o divertimento e a reflexión) é sublime, de xeito que en ocasións mesmo foxe algún sorriso en momentos tensos sen que poidamos (nin queiramos) facer nada por evitalo. 

Esta era unha desas pezas que había tempo que tiña ganas de ver, pero por unhas cousas ou por outras nunca se prestaba a ocasión. Finalmente conseguín facerme cunha butaca no Salón Teatro para aprezar esta completa obra, dun Cándido Pazó tan estupendo coma de costume (un dos meus directores predilectos). Así mesmo, o traballo dos dous actores é abraiante.

Polo tanto, Talía Teatro, podería calificar esta obra con diferentes atributos (bela, irónica, ocorrente, destrutiva, soberbia, relativa, decidida), pero xa se sabe o que ocorre co substantivo e o adxetivo, así que mellor gárdome estes últimos entre parénteses.


Ningún comentario:

Publicar un comentario