Buscar neste blog

luns, 21 de setembro de 2015

Unha singular Noiteboa con Redrum Teatro

Este ano, os artistas de Redrum Teatro adiantaron a Noiteboa a través dunha peza bautizada co nome de dita festividade. Noiteboa é o novo espectáculo desta compañía, estreado a mediados de setembro e que conta cun elenco composto de grandes xenios e caras coñecidas tanto do teatro galego coma da TVG: Ernesto Chao, Mela Casal e Guillermo Carbajo. É Alex Sampayo o encargado de modelar esta traxicomedia, para dar lugar a algo tan emotivo coma divertido.

O salón-comedor da casa de Mariví é o acolledor espazo principal, cuxa iluminación cálida contrasta con esa azulina luz que entra pola ventá que vai dar á cociña. No centro de tan hospitalaria estancia, un misterioso baúl que chama a atención dende o primeiro momento: un baúl solitario, antigo, testemuña de quen sabe cantas fazañas e confesións, presente en cada instante que pasan os personaxes na sala. Un baúl que garda segredos, en forma de libretiña ou de neno Xesús, e sobre o que se fan confesións de toda índole. Incluso podería ser o "baúl dos recordos" ao que lle cantaba Karina, recordos coma os que a súa dona teme perder. Aí mesmo, cando ela follea cos seus acompañantes os álbums antigos, transpórtanos a ese pasado cuxas aventuras son hoxe lembranzas gardadas a medias no antiquísimo baúl e as fotografías. Fotografías que levan aos protagonistas de viaxe, a un espazo máis íntimo no que incluso se poden escoitar ao lonxe as conversas das gaivotas.

Mariví é, por dicilo dalgún modo, o eixe da peza. É a responsable da reunión dos tres personaxes e quen causa máis expectación, sobre todo ao comezo da obra cando vemos que existe certa tensión con Nico pero sen saber realmente a que se debe. A súa fiel compañeira, esa libretiña, non é máis ca un vehículo para que a Mariví do pasado (desta vez, do pasado máis recente) se comunique coa actual, e así mesmo para que a do presente se comunique coa do futuro. O recorrente tema da demencia senil faise co seu oco nesta peza, dando lugar a momentos de gran tensión; case nen faría falla mencionar cando, achegándonos ao final da peza, Mariví perde os nervios e rifa cos "seus fillos". Unha volta ao pasado, de novo, a través da protagonista. 

Doutra banda, a actitude de Nico é semellante á de case calquera adolescente: sempre pendente do teléfono móbil, sacándose e sacando fotos con todo canto merece (ou non) saír nelas. Por outro lado, hai algúns comportamentos un pouco máis discutibles, como o feito de outorgarlle supremacía ao diñeiro sen ter en conta ao resto de persoas, como ocorre tantas e tantas veces hoxe en día. Nico resulta un personaxe un tanto misterioso, pois as súas accións son a miúdo tan cuestionables que parece razoable pensar que detrás desa fachada se esconde unha personalidade fráxil e solitaria, como acaba quedando demostrado tras unha esperada evolución. 

Arturo é o terceiro pé deste banco e, ao contrario de Nico, as súas accións son transparentes e puras. Dende o comezo vemos que se desvive por conseguir que Mariví pase unha boa e feliz Noiteboa, aínda que as súa pretensións vaian máis alá do que ela esperaba nun comezo. Os dous parecen, a miúdo, unha parella de adolescentes en etapa de namoramento, e sen dúbida a vella rosmona e o vello teimudo están feitos para vivir e convivir. E é que, sen dúbida, o nexo que une ao trío con maior forza é a soidade. Os tres son personaxes solitarios, aínda que non por gusto; recórdannos que a vida nos leva por encrucilladas nas que de súpeto nos atopamos sós sen ninguén a quen acudir. Indo máis alá, o tema da soidade nas persoas maiores é outro deses grandes problemas de actualidade que habitualmente pasan desapercibidos, e a través de pezas coma esta conséguese un achegamento entre a xente nova a dita circunstancia. Fago unha pequena referencia a outra peza teatral que vin este ano, Pensamentos de flor, de Xoré Teatro, na que tamén se afonda profundamente no coidado das persoas maiores.

Ademais disto, na obra tamén se tocan outros temas de actualidade como é a emigración ou a lei mordaza, aínda que na maioría dos casos dende o humor. A omnipresente comedia asolaga esta obra; sempre recordarei esas frases, pronunciada no momento xusto, que non puideron evitar que o público interrompese a peza con aplausos ("estána emitindo todas as canles agás a Galega!"). 

En definitiva, agora esta peza comeza a súa xira, aínda estades a tempo de achegarvos ao auditorio ou teatro de turno para gozar con ela. Tras ler estas liñas, pode parecer unha produción moi seria, pero non obstante é todo o contrario: a frescura e o humor cobren cada segundo, e os temas máis profundos saen á luz de forma directa no momento xusto, e indirectamente sempre presentes en segundo plano. Unha síntese perfecta entre comedia e a traxedia onde hai lugar para todo, sen esquecernos dese sublime baile final (que, persoalmente, me recordou ao "Dancing Queen" de Perplexo) que serve de broche de ouro para a Noiteboa máis perfecta posible, a pesar de que Tomás non fose ben recibido.

Ningún comentario:

Publicar un comentario