Buscar neste blog

domingo, 3 de xullo de 2016

O mundo persistente: universo WALL-E

Este ano, o Proxecto NÓS ofreceunos unha peza que contrasta co Bilingue do 2015. Dúas mostras de contemporaneidade, nas que onde daquela houbo imaxes coas que façer o ponto e un impresionante exceso de utilería, agora nos atopamos cunha viaxe cara a un universo distópico no que todo pode persistir, á súa maneira. De feito, tomo por un momento a palabra do director, Tito Asorey, quen describe o espectáculo mediante unha serie de símiles que non se alonxan nada do que vemos sobre o escenario:

"O mundo persistente podería ser a historia dunha cuadrilla de amigos que fan unha viaxe. Si, coma os Goonies. Pode que sexa un intento de imaxinar un mundo futuro certamente distópico. Si, como Fahrenheit 451. Tamén poderiamos dicir que é a historia dun revolucionario que trata de ofrecerlles aos rapaces un novo modo de ver o mundo. Si, como O club dos poetas mortos. Quizais alguén vexa a historia do paso do interior do espello ao seu exterior, nun reverso da Alicia de Carroll, ou unha sorte de versión de Peter Pan e os seus nenos perdidos."

No meu caso, ao ver a peza, a primeira comparación que me chegou á cabeza foi co futuro que nos amosa a película de WALL-E. Un futuro no que a "vida" ten lugar a través de pantallas e os humanos "viven" dende o seu asento. Un futuro no que erguerse é espertar, é rebelión. É romper as cadeas do escravo que ve sombras na parede do fondo da cova. É darse conta de que máis alá do que procesamos hai vida. Vida viva. E o planeta xestionado polo robot de Pixar non é tan diferente dese que vemos a través da videoconferencia dos rapaces d'O mundo persistente unha vez que saen da caverna.

Esa gran pantalla da que xorde Lamar, e que serve como medio de comunicación entre personaxes, é un elemento chave. Grazas a ela englóbase ao público no universo virtual. Gran parte da información do que acontece vén dada a través dese reflexo. Con este elemento podemos recordar con canta tecnoloxía convivimos case sen decatarnos, aínda que por este mesmo motivo probablemente sexa unha apreciación que pase inadvertida. A ninguén lle sorprende ser testemuña dunha videoconferencia a catro, dunha videochamada dende o exterior, ou dun video de presentación que podería ser o trailer dalgún videoxogo de hoxe en día. A era dixital xa é presente, de aí que tantos espectáculos, e este con máis razón para potenciar a mensaxe, se aproveiten dos recursos dispoñibles para engrandecer a escenografía. 

Obviamente, a omnipresencia dese Walden non é gratuíta. A día de hoxe é difícil, sobre todo entre a xente nova, tratar de pensar no mundo sen incluír neste iso ao que chamamos internet. A rede vai absorbendo cada vez máis ámbitos da nosa sociedade, esquecéndonos ás veces de se non pagará máis a pena sentir en persoa o universo sobre nós, como di certa canción. Quen sabe se nese futuro que persistirá máis alá da nosa morte como seres humanos físicos, seguirán existindo os nosos avatares virtuais, seguirán "vivindo" por nós en forma de píxeles. Igual este é o segredo da inmortalidade, as copias de seguridade, como lle acontece ao personaxe de Germán Álvarez. Porén, ata que punto se pode considerar isto como vida? Que vivimos conectados é un feito, pero ata que punto todo isto se poderá volver na nosa contra aínda está por determinar. Pezas coma esta achégannos un pouco máis a como podería ser esa distopía.
En moitos detalles ao longo de toda a peza se pode apreciar a man de Tito Asorey sobre esa base textual de Fernando Epelde. Incluso se podería dicir que vemos pequenas cousas que recordan ese exitoso Perplexo. Ademais, gustaríame salientar eses flashes decadentes que teñen lugar cando os catro rapaces saen e comezan a beber e, en certo modo, a experimentar mentres buscan un xeito de vivir máis alá das pantallas. Doutra banda, a nivel interpretativo, quixera dar a miña noraboa aos alumnos da escola de Lisboa en particular, pois en xeral foron quen mellor me convenceron dos seus personaxes.

A grandes trazos, O mundo persistente resultoume unha obra máis entretida ca o Bilingue presentado o ano pasado neste mesmo proxecto. Falando desta iniciativa, non deixa de ser unha proposta interesante a colaboración e aportación das diferentes escolas na creación dunha función conxunta. E é que hai poucas formas de aprendizaxe máis produtivas ca misturarse para traballar coma un único grupo.


Comentario de Bilingue no seguinte enlace

Ningún comentario:

Publicar un comentario