Buscar neste blog

Amosando publicacións coa etiqueta fernando gonzalez. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta fernando gonzalez. Amosar todas as publicacións

mércores, 13 de xullo de 2016

Coma e punto. Antagonismo entre sopro e inspiración

Que as novas compañías veñen pisando forte é un feito, e con Antagonista Teatro non vai ser unha excepción. Demóstrano co seu primeiro espectáculo, froito do proxecto de fin de estudos de Jose Vaquero (quen tamén protagoniza a peza, acompañado de Laura Míguez) e Javier Octavio. Fernando González dirixe ese curioso espazo no que conviven vida e morte. Amor e perdas. Madeira e cereixa. Coma e punto.

Un sopro. Unha inspiración. Un sopro aínda máis longo que baleira completamente os meus pulmóns.

Un home camiña cambaleando sobre a liña que separa vida e morte. Unha alma que treme, e que lonxe de buscar outro camiño mantense a duras penas presa desa liña imaxinaria. A cabeza é antolladiza. Polo que vemos semella que, efectivamente, a súa alma xerminou e permanece confinada no seu cranio. Un cranio no que hai estruturas de pau. Unha delas parece unha cerdeira; mesmo podería ser unha versión da cerdeira que foi testemuña da caída do protagonista. Pero esta non está en flor, polo de agora. Coa súa indumentaria caqui desteñida, el mimetízase coa madeira, con esa natureza morta que o rodea. Difícil determinar se nese punto hai algo que os diferencie, aparte da motilidade. Difícil atopar a barreira entre o morto e o menos vivo. Esta paisaxe compénsase cando pensa nela. Ela, con esa aura de cor vermella, coma se fose unha cereixa, a xogo co froito presente no vaso. Cada vez que aparece, aparece a vida, o amor, a ledicia dunha vida xuntos sobre o escenario. Pensar nela é pensar en vivir, e en deixarse morrer ao mesmo tempo.


Un (case) suicidio é o condutor da peza, de tal xeito que brincando entre "os cinco W" que empregan os xornalistas constrúese a liña da acción. A liña dun coma inesperado ata alcanzar o punto final. Durante todo ese traxecto, o protagonista xoga coas opcións de quen busca un xeito de morrer. Con como debería ser o seu enterro. Con irrefreables desexos de vivir e morrer que se van solapando. Con como recorda a diferentes persoas da súa vida coma pecadores. Con como garda o amor pola súa cerdeira en flor e a súa mascota. Finalmente, coma no paraíso bíblico, morder un froito é o que determina o seu destino. E a cerdeira é a fiel testemuña que tanto en (semi)vida coma en (semi)morte o acompaña nos momentos máis marcados do seu existir.

A música e a iluminación acompañan ao protagonista no vaivén emocional. A excelente coordinación entre actor e técnicos fai que os sentimentos agromen tanto sobre o escenario coma no patio de butacas a unha velocidade e cunha efectividade abraiante. Resulta excitante o acompañamento que se produce durante ese atípico funeral improvisado, provocando tan dispares emocións ante unha escena tan estraña. Ademais, tan importantes e impactantes coma as melodías son os silencios e as reflexións ouveadas que calan (en todos os sentidos). E, sen dúbida, o broche de ouro é a cerdeira latexante de vida cando o protagonista pecha os ollos, coma se dunha transfusión se tratase. 

Soberbios os 60 ininterropidos minutos sobre o escenario de Jose Vaquero. Adorable a delicadeza de Laura Míguez cada vez que aparece onda o protagonista. Engaiolante a iluminación e o acompañamento sonoro postos por Diego Valeiras e Luis Pequeno. Brutal o primeiro contacto de Fernando González co mundo da dirección teatral. Fascinante como, dende o patio de butacas, hai momentos nos que o único que conseguimos facer é conter o alento. Menos mal que sempre estará el a nos recordar que botemos completamente o aire fóra...


venres, 12 de xuño de 2015

O Home Almofada, a través de IlMaquinario Teatro


Le devoir
De l’écrivain, du poète
N’est pas d’aller s’enfermer lâchement dans un texte,
un livre, une revue dont il ne sortira jamais
mais au contraire de sortir
Dehors
Pour secouer,
Pour attaquer
L’esprit public
Sinon
A quoi sert-il?
Et pourquoi est-il né?
                                           Antonin Artaud, "Le devoir"


Hoxe actualizo este meu recuncho teatral cunha peza completamente negra, emocional, manipuladora e, ante todo, intensa. O pasado día seis de xuño, no Auditorio Municipal de Ourense, apreciei como Tito Asorey emprega O Home Almofada, do cruel dramaturgo Martin McDonagh, e os catro actores que integran a compañía IlMaquinario Teatro para dar vida a Katurian, Michal, Ariel e Tupolski nun thriller tan emocionante coma violento. 

A produción mostra as claras consecuencias da educación recibida durante a infancia: os pais de Katurian logran suxestionala para que, nos contos que escribe, encerre historias de asasinatos, torturas e xente sen escrúpulos. Porén, tarda anos en darse conta de que quen estaba a padecer para que ela dese vida a tan cruentas ficcións era Michal, a súa irmá. Os resultados de tal descubrimento non se fan agardar, e espertan o lado máis vingativo de Katurian. Non obstante, a traxedia non rematará aí, xa que anos máis tarde as dúas irmás volverán a atoparse nunha situación límite cando comecen a aparecer nenos asasinados nas mesmas condicións ca nos libros de Katurian. Os noventa minutos da peza reconstrúen o tempo que pasan as irmás sendo interrogadas polos dous policías, que gardan máis dunha sorpresa, sen esquecernos das correspondentes digresións que nos achegan ao núcleo do conflito. Noventa minutos nos que o dinamismo e o dominio sobre as emocións do público están perfectamente controlados por parte da compañía.

A crueldade, no seu extremo máximo absoluto, é o eixe fundamental da peza. Resulta imposible comentar esta obra de teatro sen facer alusións ao particular Antonin Artaud, quen afirmaba que a crueldade existe dentro de todos nós, e a infancia ten ese poder sobrenatural para marcarnos durante o resto das nosas vidas. Isto refléxase nos catro personaxes principais da obra, todos eles cargando pesado macuto do seu pasado. Contrastando coa temática, tan escura e profunda, está presente ao longo de toda a produción ese humor negro e acedo, esas risas que ceibamos nos momentos cume a pesares do sufrimento que vemos sobre o escenario. En última instancia, acábanos facendo pensar que esa inhumanidade que vemos nos actos dos protagonistas, por extensión, aféctanos tamén ao espectadores; unha viaxe ao interior, ás sombras do noso espírito, á parte máis escura da nosa alma.

Sen dúbida, as historias de Katurian colaboran nese anhelo da compañía por chegar aos nosos sentimentos. Cada vez que algún dos seus contos é narrado (ou escenificado) trasládanos a ese segundo plano do argumento da obra, o das ficcións dentro da ficción. Persoalmente, a historia do home almofada foi, indubidablemente, a que máis captou o meu interese, non só polo conto en si ou pola relevancia no transcurso da trama principal, senón polo que a historia representa: ese eterno xogo co destino, con vivir sufrindo ou morrer antes de que nada ocorra. Ademais, creo firmemente que o momento no que se descobre a relación entre o home almofada e Michal é un dos máis belos da obra.
 
Se nos referimos á parte escenográfica, a iluminación, eses catro taboleiros como sala e esa estrutura metálica a modo de "cama" (e de moitas outras cousas) fannos entrar no ambiente claustrofóbico no que tratan de sobrevivir Katurian e Michal. Especialmente impactante é cando vemos esa lámpada abaneante na sala de Michal mentres escoitamos os berros de sufrimento de Katurian dende a planta de arriba. Nalgún momento, incluso temín pola solidez dese chan, tan golpeado e maltratado tanto con cadeiras como con persoas. De feito, con respecto aos efectos sonoros (e incluso referíndonos ás cordas vocais dos protagonistas), estes xogan un papel fundamental, pois entre berros e golpes, pasando polo disparo final, o patio de butacas convértese nun ir e vir de calafríos e sobresaltos. Debo dicir que o feito de incluír a unha nena verde foi un gran acerto; non vira a obra antes, pero está claro que a miña mente xa non a pode concebir sen a presenza da rapaza, que estivo excepcional e que fixo que o resto de actores medrasen moitísimo nas escenas posteriores.

Á pregunta de "cal prefires, Perplexo ou O Home Almofada?" paréceme imposible ofrecer unha resposta: son dúas producións tan opostas que os puntos fortes dunha compénsanse cos da outra. Comedia vs crueldade. Luz vs escuridade. Rematar cantando vs rematar chorando. Se hai algo que se manteña en ambas obras é a complexidade dos personaxes, pero en sentidos diferentes. Nunha delas, cada personaxe cambia e acumula algo da sitación anterior, mostrando unha personalidade formada por remendos de diferente índole; na outra, a psicoloxía de cada un deles está fortemente marcada, e presentan unha evolución tan profunda que chega ata a alma de cada espectador.

A fachada severa de Ariel (Fernando Gómez), que protexe o seu interior magoado polo pasado cunha actitude violenta que vai esmorecendo segundo avanza a acción. A fortaleza de Katurian K. Katurian (Melania Cruz), protectora e capaz de autoinculparse para protexer a súa irmá. A desordenada mente de Michal (Laura Míguez), a rentes da loucura, que non deixa de sorprendernos. A potestade de Tupolski (Fran Lareu), que cun simple movemento de dedo consegue exercer o seu papel dominante. A perfectísima interpretación destes catro máquinas, Melania, Fran, Fernando e Laura, colocando o listón nuns niveis exosféricos (xa non estratosféricos, moito máis alá). A indubidablemente excepcional dirección deste elenco de primeira liña por parte do infatigable e perfeccionista Tito Asorey. Todo isto é unha mínima parte de todos os factores que dan lugar a unha peza pola que vale a pena achegarse ao teatro, a onde sexa.

"Os monstros existen, e as pantasmas tamén son reais. Viven dentro de nós e, ás veces, eles gañan."  
Stephen King

luns, 16 de marzo de 2015

Perplexo, de Marius von Mayenburg (IlMaquinario teatro)

Xa desfrutei deste espectáculo en dúas ocasións, e por iso é polo que supoño que se merecen unha entrada neste humilde blog. Perplexo é a clase de obra teatral que volvería a ver unha e outra vez, para descubrir novos detalles que de primeiras poden pasar por alto. Grazas a esta produción, descubrín ao grupo ourensán IlMaquinario teatro, do que me considero dende entón unha fan incondicional, tanto a nivel profesional como persoal (pídome o posto de coordinadora dun club de seareiros da compañía).

Por un lado, está a orixinalidade da peza, algo que xa se advertía ao ler o pequeno dossier do Galicia Escena Pro:

  

"Cres que sabes perfectamente quen eres. Cres que sabes perfectamente quen son as persoas que están ao teu carón. A túa parella. O teu mellor amigo. A túa nai. Cres que sabes perfectamente o que está sucedendo ao teu redor. Cres que ti manexas a situación. Cres que es TI quen conformas a túa propia realidade. Que sabes perfectamente como é a túa vida. Que o teu fogar é teu e que tes un nome, unha tarxeta de crédito e unha póliza de seguros. Cres que tes CERTEZAS. Pero as CERTEZAS neste mundo son case unha UTOPÍA. Ata que punto é real o que inxenuamente adoitamos chamar "realidade"? Cando toda a realidade se derruba ao noso redor... a que podemos aferrarnos? 
Benvidos ao universo de Perplexo, o novo espectáculo de Ilmaquinario Teatro."


Tras ler isto, quen podería resistirse? Efectivamente, esta obra invita ao público a reflexionar e a darse conta do moito que cremos que sabemos pero que en realidade non é así. Brincando entre o escepticismo, o nihilismo, o absurdo, a interacción co público, os clichés, o egocentrismo humano, a vida líquida, amoldándose sempre ao recipiente que a contén. Sen dúbida, a síntese entre filosofía e teatro é do máis interesante da produción, na que nada é casual, ata o máis mínimo xesto conta cun significado, dando lugar a un sempiterno xogo co público. Dende o patio de butacas, puiden comprobar que o público desfruta de cada minuto, deixándose levar polos cambios de rol, as alianzas e as perplexidades que tanto caracterizan a obra. Neste ámbito, quero resaltar o labor de Tito Asorey, director, por conseguir que o público abandone o teatro pensando que presenciou algo diferente (un "WTF teatral no que todo está pensado", como el mesmo me comentou falando da obra), e ao mesmo tempo algo que fai reflexionar para sacar conclusións de xeito individual, posto que "molesta o teatro cando lle di á xente o que ten que pensar". Aproveito estas liñas para agradecer a Tito adicarme uns minutos do seu valioso tempo para comentar a obra, así como aos membros do elenco por desvelarme algúns dos segredos entre bambalinas.
Debo recoñecer que os catro actores eran descoñecidos para min ata o momento (Melania Cruz - de quen xa falei na publicación anterior, ironicamente -, Fran Lareu, Fernando González e Laura Míguez), pero non obstante podo afirmar que procurarei non perderme ningunha das súas producións a partir de agora (de feito, teño pendente ver o que foi o primeiro espectáculo da compañía, O Home Almofada, unha produción que non ten nada que ver con Perplexo). O traballo que supón a representación dunha peza destas características fai que todo o equipo se mereza o maior dos aplausos. Sen dúbida, tendo en conta o conxunto de pezas que conforman o espectáculo, podería dicir que para min foi unha das mellores obras da tempada, por non dicir a mellor. Impresiona a capacidade dos actores para transformarse noutro personaxe sen que apenas nos demos conta, iso sí, sempre acumulando parte das experiencias vividas con anterioridade, para que ao final descubramos que, en última instancia, fóra da caverna pode que non haxa nada.
E aínda que así fose, que máis dá? 


Enlace á páxina web da compañía: http://www.ilmaquinarioteatro.com/
Comentario doutra peza de IlMaquinario, O Home Almofada:
 http://teatroentreluscoefusco.blogspot.com.es/2015/06/o-home-almofada-traves-de-ilmaquinario.html