
"O mundo persistente podería ser a historia dunha cuadrilla de amigos que fan unha viaxe. Si, coma os Goonies. Pode que sexa un intento de imaxinar un mundo futuro certamente distópico. Si, como Fahrenheit 451. Tamén poderiamos dicir que é a historia dun revolucionario que trata de ofrecerlles aos rapaces un novo modo de ver o mundo. Si, como O club dos poetas mortos. Quizais alguén vexa a historia do paso do interior do espello ao seu exterior, nun reverso da Alicia de Carroll, ou unha sorte de versión de Peter Pan e os seus nenos perdidos."

Esa gran pantalla da que xorde Lamar, e que serve como medio de comunicación entre personaxes, é un elemento chave. Grazas a ela englóbase ao público no universo virtual. Gran parte da información do que acontece vén dada a través dese reflexo. Con este elemento podemos recordar con canta tecnoloxía convivimos case sen decatarnos, aínda que por este mesmo motivo probablemente sexa unha apreciación que pase inadvertida. A ninguén lle sorprende ser testemuña dunha videoconferencia a catro, dunha videochamada dende o exterior, ou dun video de presentación que podería ser o trailer dalgún videoxogo de hoxe en día. A era dixital xa é presente, de aí que tantos espectáculos, e este con máis razón para potenciar a mensaxe, se aproveiten dos recursos dispoñibles para engrandecer a escenografía.

En moitos detalles ao longo de toda a peza se pode apreciar a man de Tito Asorey sobre esa base textual de Fernando Epelde. Incluso se podería dicir que vemos pequenas cousas que recordan ese exitoso Perplexo. Ademais, gustaríame salientar eses flashes decadentes
que teñen lugar cando os catro rapaces saen e comezan a beber e, en
certo modo, a experimentar mentres buscan un xeito de vivir máis alá das pantallas. Doutra banda, a nivel interpretativo, quixera dar a miña noraboa aos alumnos da escola de Lisboa en particular, pois en xeral foron quen mellor me convenceron dos seus personaxes.
A grandes trazos, O mundo persistente resultoume unha obra máis entretida ca o Bilingue presentado o ano pasado neste mesmo proxecto. Falando desta iniciativa, non deixa de ser unha proposta interesante a colaboración e aportación das diferentes escolas na creación dunha función conxunta. E é que hai poucas formas de aprendizaxe máis produtivas ca misturarse para traballar coma un único grupo.
Comentario de Bilingue no seguinte enlace
Ningún comentario:
Publicar un comentario