Buscar neste blog

Amosando publicacións coa etiqueta sarabela teatro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta sarabela teatro. Amosar todas as publicacións

martes, 24 de novembro de 2015

"Ensaio sobre a cegueira" e Sarabela: unha mirada cara a alma

"Creo que non nos quedamos cegos, creo que estamos cegos, cegos que ven, cegos que, vendo, non ven."
José Saramago en Ensaio sobre a cegueira

Ensaio sobre a cegueira trata fundamentalmente "a responsabilidade de ter ollos cando os outros xa os perderon". A célebre compañía Sarabela Teatro, da man de Ánxeles Cuña, é a encargada da posta en escena desta peza tan reflexiva de Saramago, coa participación de nove actores e actrices sobre o escenario e de varias ducias máis nos vídeos que acompañan a representación.
 
Dende a apertura do telón apreciamos nesa posta en escena un claro estilo Sarabela: un escenario no que todo pode ser de todo, conseguindo trasladarnos, con poucos elementos, a todos os lugares que se propoñen. Ademais, o apoio visual por parte dos vídeos dá lugar a unha atmosfera envolvente que nos fai ver e sentir claramente ese lugar no que se concentra a pandemia. Un lugar no que todo é branco inmaculado, no que todos visten dunha cor albela (aínda que cada vez menos impoluta) agás a muller do oftalmólogo, a única capaz de apreciar todo o espectro visible. E é que isto é o eixe da peza: a misteriosa cegueira branca colectiva fronte a unha muller que ve polo resto. Dunha banda, así somos: estamos cegos ante o mundo e case sen decatarnos podemos chegar a comportarnos coma algúns dos cegos en corentena: individualismo, insolidariedade e egoísmo, que dan lugar a unha sociedade na que a cadaquén o único que lle preocupa é o seu propio interese. Porén, doutra banda, esta cegueira espontánea tamén fortalece os lazos que unen aos personaxes principais, pois soamente xuntos serán quen de guiarse mutuamente por un mundo albuxíneo: ante as dificultades, o único xeito de seguir adiante é mediante o apoio e a unión de forzas, por febles que sexan.

A muller do oftalmólogo é quen guía en última instancia ao colectivo de cegos desa habitación. Unha heroína anónima que tamén se atopa nese cuarto e que ve polos demais axudándoos e defendéndoos voluntariamente, testemuña do pesadelo e de todos os abusos que alí se están vivindo e capaz de vingar moitas das inxustizas que se cometen. É un personaxe simbólico, un sinal de esperanza, de que haberá alguén capaz de actuar como mentora e sacar adiante ese grupo que tarde ou cedo recuperará a visión. Como se di na peza, "a voz é a vista de quen non ve", de aí que as palabras desta muller sexan tan reconfortantes para o resto de personaxes, moitos dos cales se dan conta de que ela non chegou a perder a vista.

"Os ollos son o único lugar do corpo no que tal vez exista unha alma" 
A muller do oftalmólogo en Ensaio sobre a cegueira

Cabe destacar a dureza de moitas das escenas da peza que fan que o espectador se quede amarrado con forza á butaca. Dende violentas mortes ata duras violacións, pasando polo medo a que unha porta sexa tirada abaixo e o sufrimento causado por algunha ferida, dan lugar a unha tensión constante sobre o escenario. O simple son que acompaña a unha pa guindada dende fóra pon os pelos de punta polo que ese xesto conleva, e doe ter que conter a rabia ao ver como se enganan, como abusan e se rouban a comida necesaria para sobrevivir. O espazo vaise volvendo cada vez máis sucio, ofrecéndonos unha estampa similar a un manicomio, ao inframundo, incluso a un campo de concentración. 

Persoalmente, sen dúbida, o momento máis emotivo é no que se nos amosa o poder da música. Uns cantos acordes serven como vía de escape, e durante uns segundos os cegos en corentena deixan de estar nese cuarto para irse aos seus lugares preferidos. Por uns instantes, son capaces de fuxir desa tortura para regresar á vida que levaban antes na que, probablemente, a música non parecería ser un ben tan prezado coma dentro desa habitación. Trasládanse mentalmente, apreciando o valor das pequenas cousas do día a día que constantemente pasan desapercibidas. Desapercibidas ata que o sentido da vista desaparece e toca ter en conta os estímulos que se transmiten a través do tacto, do oído, do olfacto, do gusto. Outra interesante reflexión froito desta emotiva produción teatral, moi na liña da compañía que nola ofrece.

mércores, 1 de abril de 2015

Sarabela teatro: dende "A idade da pavía" ata "Pequenas certezas"

Nesta entrada, gustaríame comentar as dúas obras de Sarabela teatro que teño máis relativamente recentes: A idade da pavía e Pequenas certezas.

Con A idade da pavía, a miña curiosidade pola obra apareceu no momento no que vin o título da mesma. Un xogo de palabras interesante sobre esa pavía que serve, en certa medida, como nexo de unión a través do tempo nunha casa de nove mulleres. Percibimos a historia das diferentes xeracións a través de Eleonora e Celina, dúas irmás que se comunican a través da correspondencia debido á agonía de súa nai. Trátase dunha obra na que se aprecian trazos do realismo máxico, marcados polos soños desa familia que pouco a pouco se vai indo, espindo ese escenario cargado de maletas. As lembranzas das dúas protagonistas son o único que queda para encher esa casa, agora baleira, pero antes ateigada de nais, avoas, tías e nenas con personalidade e distintas motivacións: voar, ir en bicicleta ata ningures, ensinar a arte de tocar o violín, gardar ratas mortas. Nove mulleres, detidas no tempo, que querendo fuxir do fogar acabadon apreixadas no recordo das dúas irmás.

Debo dicir que nesta obra hai tres elementos, principalmente, que creo que se merecen unhas liñas. En primeiro lugar, a idea de que as dúas irmás actúen como narradoras entre escenas, con esas cartas que se envían. Paréceme que serve como un fío conductor pouco usual e interesante ao mesmo tempo, ao igual que esas escenas nas que se quedaban mirando (recordando) escenas do seu pasado, ou mesmo intervindo nos diálogos que mantiñan de nenas, como nunha das escenas finais na que se intercalan as frases do pasado, sendo nenas, coas do presente, creando un efecto do máis orixinal.

Por outro lado, a pesar de que os decorados eran minimalistas (co xusto e necesario), houbo escenas, coma unha das finais nas que as tías pedalean, detrás da tea negra que servía de fondo do escenario, que me sorprenderon. Máis concretamente, quero destacar unha na que a tía Adriática baixa do ceo, xogando tamén con luces e teas claras e escuras: dende o patio de butacas, parecía mesmamente un anxo. Ademais, cómpre dicir que as proxeccións que percorren todo o escenario entre escenas tamén son un punto extra a favor da representación. Isto é unha mostra de que con poucos elementos e creatividade, se poden conseguir efectos moi interesantes.
 
Finalmente, nesta obra quero destacar o gran traballo de Fernando Dacosta, encarnando a esas catro mulleres, tan dispares (debo dicir que, para o meu gusto, Adriática merecíase unhas liñas máis), tendo en conta que os cambios de personaxe eran continuos e seguidos entre si. Xa me puxeran en precedentes con que Fernando Dacosta era (é) un actor cun talento envexable, e tras ver esta obra podo dicir que sí, posto que me parece que fixo unha interpretación (recordemos: catro mulleres) ao alcance de moi poucos. 

Por outro lado, se falamos de Pequenas certezas, trátase dunha obra que segue no estilo da anterior: un drama con pequenos toques de humor. A desaparición do misterioso Mario fai que os diferentes personaxes, separados en dous grupos (os irmáns e a moza con súa nai) se coñezan e se den conta de que ningún deles coñecía tan ben a Mario como pensaba. Neste ámbito, teñen gran importancia as fotografías, que podemos identificar como pequenas certezas, inmortalizando fragmentos do noso pasado. 

A obra comeza de xeito moi intenso, cun Fernando Dacosta encolerizado (que mostra, unha vez máis, o seu talento interpretativo), que fai que o público se dé conta de que non vai ser unha comedia o que vai ver ese día no teatro (aínda que algúns comentarios e accións da nai de Natalia nos fagan soltar algunha que outra risiña). O que sucede a continuación é unha montaxe na que dende o patio de butacas non para de medrar esa curiosidade por quen será Mario, ese personaxe que da lugar a enfrontamentos, apertas, e recriminacións entre os demais. Pódese apreciar como a perda dun ser querido afecta de diferente modo a cada un deles, como fai que comecen a coñerese cada un a sí mesmo e deste xeito a comprender o que pode estar ocorrendo cos demais. 

Tendo en conta a carga emocional e argumental da obra, a escenografía acaba por pasar a un segundo plano aos ollos dos espectador; non obstante, sí que me puiden fixar en que a multifuncionalidade de obxetos manda: os mesmos caixóns, cadeiras e estructuras metálicas funcionan como bancos, separadores, estanterías, incluso como ese misterioso cadaleito do final (quen demos vai aí dentro?). Por outro lado, a música tamén contaba cunha significación especial, enchendo eses ocos entre escenas de pequenos pentagramas soltos pero rematando dun xeito moito máis intenso. 

Por isto, penso que os puntos fortes desta segunda produción son a psicoloxía e evolución dos personaxes e o misterio que rodea a Mario (Mario, todos nos quedamos con ganas de verche a cara...), mantendo ao público apreixado dende o principio, e creando a dúbida de se realmente existirán esas pequenas certezas.

Para rematar, quero aclarar que Sarabela teatro é unha compañía que me encanta ir ver, xa que sei por experiencia sei que a interpretación vai ser estupenda, e normalmente as producións non decepcionan. Gustaríame comentar máis obras desta compañía, pero xa me quedan moi atrás no tempo; de feito, para completar estes dous comentarios tiven que remexer no baúl dos recordos. Está claro que cando mellor se comenta unha representación é cando está ben fresca na memoria.