Buscar neste blog

Amosando publicacións coa etiqueta teatro principal. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta teatro principal. Amosar todas as publicacións

xoves, 15 de setembro de 2016

Raclette: sentimento a lume lento

Se tivese que mencionar algún deses inesquecibles do Escena Pro 2016, sería o Raclette de Ibuprofeno Teatro. Tanto é así, que non dubidei en repetir a experiencia da comida en comunidade para refrescar detalles e revisar de novo aquelas notiñas que xa tiña tomadas dende o mes de xuño. O experimento resultou, unha vez máis, claramente satisfactorio. A mesa hexagonal (e, sobre todo, a raclette) foi, de novo, o nexo de unión entre dúas ceas paralelas e entrelazadas, mais con cadansúa atmosfera emocional. Unha mesa con seis pratos e cinco comensais. Quizais para que finalmente o público sexa ese sexto convidado a degustar os tomates, o queixo ou a carne. Aínda que so sexa olfactivamente.

Malia tratarse dunha comida social, digna deses pastores dispostos a darse calor, o ambiente que se respira entre os personaxes no escenario de Raclette resulta en certo modo distante. Durante a maior parte da peza, comunícanse somerxidos nesa luz fría que se pronuncia na brancura da mesa. Resulta case imposible acceder aos verdadeiros pensamentos dos protagonistas, pois raramente os manifestan de maneira sincera ao resto de oíntes. E é que non soamente existe un límite intanxible entre as dúas ceas complementarias. Dentro de cada unha delas, cada personaxe posúe a súa propia barreira protectora de sentimentos e emocións. En conxunto, isto acentúa os roces e os enfrontamentos entre eles, de tal xeito que todos os acontecementos se precipitan e as verdades comezan a caer polo seu propio peso chegando ao final da representación. É aí cando a atmosfera se volve máis cálida, máis íntima. Cando todo estoura e se pon o broche de ouro tras toda a tensión acumulada. E o broche de ouro é a mirada desas dúas nais esnaquizadas que fusionan os dous mundos.

Segundo avanza a acción, as pezas do acontecido e que levaron aos personaxes á situación actual van encaixando. Coñecemos aos cinco protagonistas unicamente sentados á mesa, pois o que sabemos deles extraémolo de como se comportan nese momento. Por isto, a idea que nos levamos de cada un é bastante característica, pero ao meu xeito de ver nunca se chega a alcanzar a caricatura como podería parecer na personaxe de Marián Bañobre. Os diálogos entre eles son críbles abondo como para que non se produza ningunha "sobreinformación", mais ao mesmo tempo conséguese atar cabos de maneira sinxela. Ao ter que contar toda a historia que desembocou nesa cea a través das conversas, resulta importante xogar coa curiosidade do público deixando pistas, pero sen ofrecer un desenlace previsible dende o primeiro momento. Está arriscado de tal xeito que ata os últimos dez ou quince minutos da peza non se pode montar o crebacabezas completo do pasado dos protagonistas, chegando ao final case da man dos personaxes que descobren o acontecido nese momento.

O xogo coas dúas unidades espazo-temporais é un dos grandes atractivos desta peza. Resulta abraiante ver como ao mesmo tempo ambas situacións son independentes e dependentes, xa sexa no ámbito da trama coma no da utilaría. As conexións entre as historias e as chamadas de atención dunha na outra factores dignos de mención. Miradas, cruces ou xestos que son activados por frases e palabras ditas na outra conversa son detalles que non pasan en ningún caso desapercibidos. Ademais, este vaivén entre a cea en parella e o trío produce en numerosas ocasións grandes choques emocionais. Pasamos dunha nai angustiada e desfeita a unha vexetariana repelente que bebe viño ecolóxico. Dun pai que quere pasar páxina a un faranduleiro que non quere que a cámara lle chupe a alma. Non é máis ca unha mostra de que ao fin e ao cabo o mundo segue a xirar, e estea cada un na situación que estea, aí fóra haberá tantas emocións coma persoas. 

O tratamento do espazo é excelente, pois todos os ocos acaban por encherse e ningún sector do público queda descolgado. Hai espectadores observando a acción dende os catro puntos cardinais, formando esa tan mencionada comunidade ao redor da comida. Persoalmente, esta é a primeira peza coa que tiven a oportunidade de ser espectadora dende o propio escenario en dúas ocasións, e o cambio de perspectiva é outro dos puntos a favor da peza. Ao fin e ao cabo, deste xeito todo o público participa na raclette. Xa non soamente se trata de dúas historias que se mesturan e das que somos testemuñas, senón que se percibe unha certa proximidade. Semellante á de estarmos todos sentados á mesa.

 

mércores, 30 de marzo de 2016

O Noroeste zumega 'Palabras Malditas'


Palabras malditas é un texto de Eduardo Alonso que cobra vida nesta peza de Teatro do Noroeste dirixida por el mesmo. Estreada a comezos deste ano, amósanos os dramas entrecruzados de tres personaxes que arrastran as feridas da guerra e tratan de superar a dureza dos anos posteriores. Vemos como a vida de cada un deles afecta en maior ou menor medida aos demais, e como pouco a pouco se van amoldando uns aos outros. As súas historias poderían simplemente coincidir nese momento nese lugar, nesa pousada que rexenta unha das protagonistas. Porén, xa sexa pola necesidade de ler e escribir cartas a un fillo, de recitar e escoitar poemas inéditos, de dar e recibir cariño e comprensión, ao final temos unha historia común de tres vidas entrelazadas. De feito, a pesar de que fundamentalmente na trama principal son Clara (Sara Casasnovas) e Vicente (Miquel Ínsua) os que forman unha única fábula en si, é unha decisión de Ermitas (Luma Gómez) a que provoca que teña lugar un punto de inflexión na historia dos primeiros. E vaia punto.

O cuarto do profesor Vicente é testemuña de todo o que os personaxes compartiron durante aquela época que recorda Clara de maior na súa única entrevista (facendo aquí un paréntese, sempre me chama a atención para ben iso de xogar coa tea traslúcida para separar escena recordada e escena que recorda). As proxeccións neboentas e escuras, reflexo non so da típica metereoloxía desta terra, senón tamén do periodo tebroso que se está a atravesar, colaboran na formación desa atmosfera revolta dentro da aparentemente cómoda e tranquila habitación. Recordan que por aí, ao axexo, anda ese dragón durmido entre as sombras, que en calquera momento pode cambiar drasticamente o desenvolvemento dos personaxes. Doutra banda, aínda que o feito de introducir música en directo adoita ser un punto a favor, penso que nesta peza non é o caso. Isto non implica que sexa un punto negativo, senón que non atopei ese recurso o suficientemente ben aproveitado, pois unicamente vemos de cando en cando unha luz nunha esquina que nos fai entender que alí hai alguén a tocar o piano nese momento. Deste xeito, desvíase a atención da acción para centrarse nun punto no que realmente non chegamos a ver case nada especialmente relevante.

A peza é un drama, unha mostra de aquilo que se perseguiu durante os anos posteriores á Guerra Civil. Principalmente, vémolo a través dos dous hóspedes da pousada. Clara, unha prostituta en tempos difíciles que chega a sufrir unha forte agresión. Especialmente dura é a escena na que ela chega á habitación de Vicente, ferida tanto física como psicolóxicamente, e comeza a contarlle o que lle pasara. Arrebatos de loucura. Puta, non mereces vivir, e outras palabras tremendas.Vicente, un profesor cuxa paixón é a poesía e que debe agocharse e separarse desa persoa especial porque non eran bos tempos para amar a xente do mesmo sexo. As súas boas intencións ao manterlle viva a esperanza a Ermitas respecto ao estado do seu fillo serán as mesmas que ao final o levarán a que o atopen. Facer que o fillo de Ermitas siga vivo no corazón da nai custarálle a vida ao propio Vicente.

Clara e Vicente por separado serían coma dúas almas en pena, cuxas vidas resultan francamente complicadas coma as de tanta xente nesa época e, por extensión, en calquera outra. Porén, coñecérense e xuntárense axúdalles a mitigar esa dor. Resulta fermoso ver que a través dos poemas, xa sexan propios ou de célebres autores, a súa relación vaise afianzando e as súas vidas van cobrando sentido e novos rumbos. Personaxes tan dispares que atopan no outro ese refuxio que, ao mellor sen saber, andaban a buscar. Hai moito máis ca dramas neses personaxes, hai inquietudes, hai sentimentos atopados, hai amor. Hai vida. Os poemas pasan de ser vías de escape de vidas complicadas a ser a propia vida nun contexto desalmado; os poemas son folerpas arrincadas da vida, ou vida en si.

Se me teño que quedar con algo desta peza, sería con esa relación que se forma entre Clara e Vicente, e que perdura cando el xa non está. Esa confianza e confidencias, eses innumerables cafés que de seguro tamén tomarían en escenas eliminadas, ese sentirse en casa vivindo nunha pousada sen familiares ou amigos nun periodo tan difícil. Viven un no outro. E cando ambos deixen de vivir, aínda quedará a poesía. Aínda quedarán todas esas maletas zumegando palabras malditas.

E é que existen versos que resultan difíciles de esquecer.

Dende a fiestra vexo, amiga, como marchas...

sábado, 12 de marzo de 2016

Os (Excéntricos) amores de Jacques o fatalista

Falando de excentricidades, xa con Da Vinci tiña razón comentaramos que poucos hai ao nivel desta compañía. Á hora de contarnos Os amores de Jacques o Fatalista, non ían ser menos. A peza de Diderot alcanza unha nova dimensión con esta dramaturxia de Quico Cadaval, sendo complicado saír do teatro sen botar algunha que outra risada. Ou sen indignarse con algunha das controvertidas reflexións dos personaxes. En realidade, a peza dá para todo un pouco; será a maxia do teatro...

A cuarta parede dilúese, de tal xeito que cando os catro actores aparecen en escena, fano como iso. Actores. Actores que nos saúdan, que fan exercicios de quecemento, repasan pasos e que preparan o escenario para a posterior función. O público perde o don da invisibilidade e sae da escuridade do patio de butacas para ser testemuña das peripecias dos protagonistas dun xeito máis directo, un ti a ti máis claro. Persoalmente, resúltame moi atractiva esta maneira de enfocar calquera peza, facendo tamén partícipe ao espectador dese proceso previo á actuación. Formar parte dos preliminares de Os Amores de Jacques o Fatalista é, cando menos, curioso, por diferentes motivos. Recordar nalgún que outro momento que seguimos sendo parte dese backstage no que son os actores os que nos amosan como van construindo esa ficción e como superan os pequenos atrancos cos que se van atopando, tamén o é. 

Como nos advirte o nome da obra, os amores son o conto por excelencia. Nesta peza amósanse diferentes amores contados dende distintos puntos de vista, e vemos como os personaxes amosan as situacións según lles pareceron ou lles quixeron parecer. Como di Marcos Orsi, ao fin e ao cabo "é unha historia dentro de cada bar". Cando os personaxes masculinos falan, atrévense a dicir que se a muller é "suculenta", que se é "canalla", que se poñen en marcha os seus "mecanismos maliciosos". Non obstante, a figura da Pousadeira tamén ten a súa propia visión do que son os amores, e non dubida en ensinárllela aos dous atónitos hóspedes a través das súas propias historias.

Xa dentro da representación das historias que nos contan, un dos grandes atractivos da peza son as situacións tan caricaturescas coas que nos atopamos. Indo máis alá, incluso se podería dicir que non importa tanto o que nos contan, senón como nolo amosan sobre as táboas (as do escenario e as outras ás que tanto proveito lles sacan). Dende cómicas e milimetradas persecucións sobre taboleiros que son alpendres, ata ridículos e elegantes bailes que chegan a calquera recuncho do escenario, incluíndo neste gran saco a caracterización de cada personaxe. Dunha banda, os xestos sobreactuados na dose exacta. Doutra, ao seren todos tan excéntricos resulta engaiolante ver como se moven sobre o escenario, cada un portando a súa coreografía particular que os identifica instantaneamente. Por destacar algúns, atopámonos cun peculiar padriño e cunha torta nai que decidiu (mellor dito, decidiron por ela) deixar de ser unha muller de dubidosa moralidade e cambiar de vida, por ela e pola súa filla. Daquí, quero resaltar a indiscutiblemente perfecta intervención da rapaza da pel de porcelana, quen acaba conseguindo que o centolo entre na nasa. Se con outras pezas desta compañía o nivel de gargallada vai in crescendo, con esta o mesmo. A aparición da gran María Casares é outra desas grandes ideas que engancha dende o momento de ler o apartado do elenco. Cando aparece en escena, é imposible non prestarlle atención aínda que nalgún momento se atope en segundo plano, aínda que esté rezando nun curruncho. Ademais, hai que dicir que a pesares de que o marqués é un tanto machista, débese recoñecer que a escena do paraugas de preto do final é desas das que un se lembra ao repasar mentalmente a peza.

Sempre é un punto a favor o feito de que música e efectos sonoros se fagan en directo, e aquí non ía ser menos. Piti Sanz é o encargado de traer o vestiario adecuado á época de Diderot (e que llo rouben momentaneamente) e de poñer en ambiente as escenas que suceden. Pode ser unha figura que pasa desapercibida a maioría do tempo, pero sen dúbida é un dos grandes pilares que sosteñen a acción. A sutil música que acompaña algunhas das situacións é a responsable de que se forme esa atmosfera dentro doutra, servindo ao mesmo tempo de marcador do espazo. Especiais son tamén os momentos nos que o resto de actores contribúen a crear diferentes ambientes, xa sexa por medio da voz, como fai de maneira sublime María Costas en varias ocasións, ou coa axuda doutros obxetos.

Por saber queda se no rolo xigante que hai alá enriba se atopan escritos os amores de Jacques e os do resto de personaxes tal e como eles nolos contaron. Sexa como for, a versión que nos mostran os artistas de Producións Teatrais Excéntricas servirános, se non para saber a realidade, para pasar unha boa hora e media de entretidísimo teatro dentro de teatro. E coa axuda de María Casares. Case nada.


venres, 25 de decembro de 2015

As do peixe: conversas entre conservas

    O mestre do teatro reivindicativo lócese de novo con esta peza. Proba disto é que, estreada a mediados do 2013, continúe en cartel. Cristina Domínguez dirixe esta coidada produción, na que Lisa, Tere, Conchi e Bego -catro traballadoras dunha conserveira pechada que ben merecen ser citadas polo nome- se reúnen para lembrar. Para lembrar todo o vivido naquel lugar. Un lugar no que non se limitaron a traballar, que durante unha época foi a súa segunda casa. Ou mellor dito, fogar, que non é o mesmo. Non nos queda claro se as cousas sempre están de ser ou non, pero o que sí se pode asegurar é que se procede das mans de Cándido Pazó, removerános. Tanto ten se é para rir ou para bagoar, a idea é remexernos no asento para saír do teatro cunha sensación distinta á indiferencia. 
     
    Non resulta necesario ter lazos coa industria conserveira, nin sequera con nada relacionado co mar, para conectar co que nos contan as protagonistas. Resulta engaiolante ver como as vivencias de Lisa, Tere, Conchi e Bego se trasladan a tantas situacións do noso día a día, orixinando unha empatía por momentos case máxica. Isto débese en gran medida a que o texto da peza esté baseado, precisamente, no testemuño de mulleres traballadoras reais, entrevistadas antes da elaboración desta obra. Por isto, ao que se lle pode engadir a linguaxe coloquial, as intervencións superpostas e os dialectalismos, xérase o realismo que dará lugar a ese vínculo co público: ten mérito, pois resulta complicado acadar ese punto no que semella que o que ocorre sobre as táboas é tan real coma o que hai fóra. Coma todo o que puido chegar a ocorrerlles a tantas traballadoras de conserveiras, e de quen sabe cantas máis industrias.
     
    O xogo co metateatro ten un papel fundamental, e dá lugar a un xeito sobresaínte de mesturar o pasado co presente. Vemos como as nosas mulleres son catro viaxeiras entre eses dous mundos; por momentos volven a ser novas, xa sexa a través de momentos emotivos ou momentos de humor (que boa estás, Basilisa!). Dous mundos que, a priori, están afastados (de aí que algunha das protagonistas se nos quede clavada xogando ao brilé) e, non obstante, dous mundos con historias repetidas. Resulta simpático ver que, para cumplir ese guión que se lles receita, elas deban interpretar a distintos personaxes cos que se cruzaron na súa andaina polos mundos da conserva. Como consecuencia, ofrécennos unhas caricaturas impresionistas daqueles que foran seus xefes, compañeiros ou familiares. O resultado é un curioso mosaico de diferentes personaxes tipo que constrúen o marco que, como era de esperar, tamén pode extrapolarse á actualidade: o xefe que se pasa de confiado cas empregadas, a nai que quere que o fillo siga estudando, a compañeira que dá bos consellos e se xoga o tipo polos demais. Con pequenos matices, os personaxes están construídos e postos á disposición das mentes do público.

    Improvisados instrumentos e pasos de baile, cambios de luces nos momentos chave creando unha atmosfera máis íntima e algún que outro cantar lévannos tamén de viaxe, dun recordo noutro, ata chegar a eses representativos versos e verbas do Celso Emilio reivindicador. Parece que haberá cousas que se vaian deixando para máis adiante, pero como di unha das nosas mulleres o máis adiante tamén acaba. De aí que peza culmine con ese gran remate, unha oda ás traballadoras das conserveiras que se acaba por espallar a todas as mulleres traballadoras, eloxiadas nun moi emotivo brinde final. Por todas elas. Polas do peixe.


    Enlace a Demolición, outra peza de Cándido Pazó

    martes, 24 de novembro de 2015

    "Ensaio sobre a cegueira" e Sarabela: unha mirada cara a alma

    "Creo que non nos quedamos cegos, creo que estamos cegos, cegos que ven, cegos que, vendo, non ven."
    José Saramago en Ensaio sobre a cegueira

    Ensaio sobre a cegueira trata fundamentalmente "a responsabilidade de ter ollos cando os outros xa os perderon". A célebre compañía Sarabela Teatro, da man de Ánxeles Cuña, é a encargada da posta en escena desta peza tan reflexiva de Saramago, coa participación de nove actores e actrices sobre o escenario e de varias ducias máis nos vídeos que acompañan a representación.
     
    Dende a apertura do telón apreciamos nesa posta en escena un claro estilo Sarabela: un escenario no que todo pode ser de todo, conseguindo trasladarnos, con poucos elementos, a todos os lugares que se propoñen. Ademais, o apoio visual por parte dos vídeos dá lugar a unha atmosfera envolvente que nos fai ver e sentir claramente ese lugar no que se concentra a pandemia. Un lugar no que todo é branco inmaculado, no que todos visten dunha cor albela (aínda que cada vez menos impoluta) agás a muller do oftalmólogo, a única capaz de apreciar todo o espectro visible. E é que isto é o eixe da peza: a misteriosa cegueira branca colectiva fronte a unha muller que ve polo resto. Dunha banda, así somos: estamos cegos ante o mundo e case sen decatarnos podemos chegar a comportarnos coma algúns dos cegos en corentena: individualismo, insolidariedade e egoísmo, que dan lugar a unha sociedade na que a cadaquén o único que lle preocupa é o seu propio interese. Porén, doutra banda, esta cegueira espontánea tamén fortalece os lazos que unen aos personaxes principais, pois soamente xuntos serán quen de guiarse mutuamente por un mundo albuxíneo: ante as dificultades, o único xeito de seguir adiante é mediante o apoio e a unión de forzas, por febles que sexan.

    A muller do oftalmólogo é quen guía en última instancia ao colectivo de cegos desa habitación. Unha heroína anónima que tamén se atopa nese cuarto e que ve polos demais axudándoos e defendéndoos voluntariamente, testemuña do pesadelo e de todos os abusos que alí se están vivindo e capaz de vingar moitas das inxustizas que se cometen. É un personaxe simbólico, un sinal de esperanza, de que haberá alguén capaz de actuar como mentora e sacar adiante ese grupo que tarde ou cedo recuperará a visión. Como se di na peza, "a voz é a vista de quen non ve", de aí que as palabras desta muller sexan tan reconfortantes para o resto de personaxes, moitos dos cales se dan conta de que ela non chegou a perder a vista.

    "Os ollos son o único lugar do corpo no que tal vez exista unha alma" 
    A muller do oftalmólogo en Ensaio sobre a cegueira

    Cabe destacar a dureza de moitas das escenas da peza que fan que o espectador se quede amarrado con forza á butaca. Dende violentas mortes ata duras violacións, pasando polo medo a que unha porta sexa tirada abaixo e o sufrimento causado por algunha ferida, dan lugar a unha tensión constante sobre o escenario. O simple son que acompaña a unha pa guindada dende fóra pon os pelos de punta polo que ese xesto conleva, e doe ter que conter a rabia ao ver como se enganan, como abusan e se rouban a comida necesaria para sobrevivir. O espazo vaise volvendo cada vez máis sucio, ofrecéndonos unha estampa similar a un manicomio, ao inframundo, incluso a un campo de concentración. 

    Persoalmente, sen dúbida, o momento máis emotivo é no que se nos amosa o poder da música. Uns cantos acordes serven como vía de escape, e durante uns segundos os cegos en corentena deixan de estar nese cuarto para irse aos seus lugares preferidos. Por uns instantes, son capaces de fuxir desa tortura para regresar á vida que levaban antes na que, probablemente, a música non parecería ser un ben tan prezado coma dentro desa habitación. Trasládanse mentalmente, apreciando o valor das pequenas cousas do día a día que constantemente pasan desapercibidas. Desapercibidas ata que o sentido da vista desaparece e toca ter en conta os estímulos que se transmiten a través do tacto, do oído, do olfacto, do gusto. Outra interesante reflexión froito desta emotiva produción teatral, moi na liña da compañía que nola ofrece.

    domingo, 8 de novembro de 2015

    "Calypso", onde Voadora xoga co ridículo

    Poderíase recoñecer Voadora como a compañía en cuxas pezas podemos atoparnos con ese selo de contemporaneidade tan identificativo. Calypso non ía ser menos, e neste caso son Diego Anido, Marta Pazos e Hugo Torres os encargados de construír a nosa realidade seguindo textos de Fernando Epelde.

    Logo da subida do telón, a cuarta parede tanxible é o elemento por excelencia. Vólvese física a barreira que separa espectador e actor, realidade e construción do novo entorno. Vermello, verde e azul, tres únicas cores capaces de ofrecernos toda a gama cromática que poidamos imaxinar, todo o que nos rodea, e soamente precisan de luz. Non en van se comeza a elaborar o mundo tras a cuarta parede material, cando non o vemos, sen facer ruído, ao igual que a árbore que cae nun monte no que non hai ninguén (cando ninguén ve -oe- nada, realmente algo ocorre? Algo hai?). De aí que, en momentos dados cando esa parede se move, confusión e desorientación invadan a alma dos personaxes, a saída da zona de confort, ata que se converte nunha rutina máis. A cuarta parede pasa a ser un marcador do espazo no que se desenvolve a acción dos personaxes. O momento cume é a caída do muro, destruír para crear, coma esa nova Calypso sen distorsionar que contrasta coa imaxe de Henri Lehmann que se nos amosa nos programas.

    Toda a escenografía é, claramente, marca Voadora: xogos con luces e música que ofrecen unha posta en escena impresionante semellante á grandeza que nos atopamos n'A Tempestade, a pesares de que na peza que comentamos agora unicamente participan tres actores (máis ruído e menos xente, ironicamente). Especialmente atractivas son aquelas escenas nas que as luces (ou as non luces) empregadas son as principais protagonistas, xa sexa ambientando carreiras de fondo ou pistas de baile, así como ofrecendo sombras distorsionadas polo movemento. Debo mencionar que sempre adoito atopar nesta compañía unha notoria influencia de Brecht, tanto polo estilo de personaxes que aparecen nas pezas coma polas chamadas de atención sobre elementos concretos, enviándolle ao espectador mensaxes específicas, neste caso relacionadas cos diferentes textos de partida. 

    Fernando Epelde entende Calypso coma a danza do ridículo, e de aí que ao longo de toda a peza apreciemos trazos e situacións relacionadas con tal tema. Tanto podemos ver bailes un tanto aeróbicos coma intervencións de difícil definición ou calificación, así como duplicados de accións e persoas. A ridiculez da sociedade actual, do que supón hoxe en día sacarse unha foto ou relacionarse tamén ten cabida neste espectáculo, espectáculo a base de flashes e brincos entre escenas. Marta Pazos, actriz e directora desta peza, afirma que Calypso son links entre imaxes, reflexando algo cotián que facemos día a día navegando pola rede. Unha páxina leva a outra, e a outra, e así sucesivamente, e o mesmo ocorre con esta obra. A peza non é máis ca poesía visual, unha representación de pensamentos escritos que percibimos intensamente por vista e oído a través de imaxes fragmentadas.


    Para comprender a peza debemos darnos conta de que o sentido desta obra é o non ter sentido, é dicir, para chegar a entendela dun xeito global, primeiro débense apreciar as distintas imaxes para extraer esa visión de conxunto. A idea xeral non é máis ca unha representación do presente, o noso día a día consiste nunha viaxe entre links, unha sociedade que se consume, de tal xeito que ao final alcanzamos un punto no que xa non sabemos como chegamos ata alí. Existe un fío condutor principal, a construción da realidade, mais analizando a peza en profundidade, podemos ver que cada escena ou texto implica a súa propia reflexión individual, dende o valor do gratis ata a importancia das cores, pasando por escenas de amor tan intensas coma a de the artist is present. Sen dúbida un gran traballo por parte desta compañía, ofrecéndonos desta vez unha obra máis filosófica e menos argumental, e sempre contando con ese desbaratamento de enerxía e xogos con luces e sons tan característico.

    Comentario d'A Tempestade de Voadora: 
    http://teatroentreluscoefusco.blogspot.com.es/2015/03/a-tempestade-de-william-shakeaspeare.html

    luns, 21 de setembro de 2015

    Unha singular Noiteboa con Redrum Teatro

    Este ano, os artistas de Redrum Teatro adiantaron a Noiteboa a través dunha peza bautizada co nome de dita festividade. Noiteboa é o novo espectáculo desta compañía, estreado a mediados de setembro e que conta cun elenco composto de grandes xenios e caras coñecidas tanto do teatro galego coma da TVG: Ernesto Chao, Mela Casal e Guillermo Carbajo. É Alex Sampayo o encargado de modelar esta traxicomedia, para dar lugar a algo tan emotivo coma divertido.

    O salón-comedor da casa de Mariví é o acolledor espazo principal, cuxa iluminación cálida contrasta con esa azulina luz que entra pola ventá que vai dar á cociña. No centro de tan hospitalaria estancia, un misterioso baúl que chama a atención dende o primeiro momento: un baúl solitario, antigo, testemuña de quen sabe cantas fazañas e confesións, presente en cada instante que pasan os personaxes na sala. Un baúl que garda segredos, en forma de libretiña ou de neno Xesús, e sobre o que se fan confesións de toda índole. Incluso podería ser o "baúl dos recordos" ao que lle cantaba Karina, recordos coma os que a súa dona teme perder. Aí mesmo, cando ela follea cos seus acompañantes os álbums antigos, transpórtanos a ese pasado cuxas aventuras son hoxe lembranzas gardadas a medias no antiquísimo baúl e as fotografías. Fotografías que levan aos protagonistas de viaxe, a un espazo máis íntimo no que incluso se poden escoitar ao lonxe as conversas das gaivotas.

    Mariví é, por dicilo dalgún modo, o eixe da peza. É a responsable da reunión dos tres personaxes e quen causa máis expectación, sobre todo ao comezo da obra cando vemos que existe certa tensión con Nico pero sen saber realmente a que se debe. A súa fiel compañeira, esa libretiña, non é máis ca un vehículo para que a Mariví do pasado (desta vez, do pasado máis recente) se comunique coa actual, e así mesmo para que a do presente se comunique coa do futuro. O recorrente tema da demencia senil faise co seu oco nesta peza, dando lugar a momentos de gran tensión; case nen faría falla mencionar cando, achegándonos ao final da peza, Mariví perde os nervios e rifa cos "seus fillos". Unha volta ao pasado, de novo, a través da protagonista. 

    Doutra banda, a actitude de Nico é semellante á de case calquera adolescente: sempre pendente do teléfono móbil, sacándose e sacando fotos con todo canto merece (ou non) saír nelas. Por outro lado, hai algúns comportamentos un pouco máis discutibles, como o feito de outorgarlle supremacía ao diñeiro sen ter en conta ao resto de persoas, como ocorre tantas e tantas veces hoxe en día. Nico resulta un personaxe un tanto misterioso, pois as súas accións son a miúdo tan cuestionables que parece razoable pensar que detrás desa fachada se esconde unha personalidade fráxil e solitaria, como acaba quedando demostrado tras unha esperada evolución. 

    Arturo é o terceiro pé deste banco e, ao contrario de Nico, as súas accións son transparentes e puras. Dende o comezo vemos que se desvive por conseguir que Mariví pase unha boa e feliz Noiteboa, aínda que as súa pretensións vaian máis alá do que ela esperaba nun comezo. Os dous parecen, a miúdo, unha parella de adolescentes en etapa de namoramento, e sen dúbida a vella rosmona e o vello teimudo están feitos para vivir e convivir. E é que, sen dúbida, o nexo que une ao trío con maior forza é a soidade. Os tres son personaxes solitarios, aínda que non por gusto; recórdannos que a vida nos leva por encrucilladas nas que de súpeto nos atopamos sós sen ninguén a quen acudir. Indo máis alá, o tema da soidade nas persoas maiores é outro deses grandes problemas de actualidade que habitualmente pasan desapercibidos, e a través de pezas coma esta conséguese un achegamento entre a xente nova a dita circunstancia. Fago unha pequena referencia a outra peza teatral que vin este ano, Pensamentos de flor, de Xoré Teatro, na que tamén se afonda profundamente no coidado das persoas maiores.

    Ademais disto, na obra tamén se tocan outros temas de actualidade como é a emigración ou a lei mordaza, aínda que na maioría dos casos dende o humor. A omnipresente comedia asolaga esta obra; sempre recordarei esas frases, pronunciada no momento xusto, que non puideron evitar que o público interrompese a peza con aplausos ("estána emitindo todas as canles agás a Galega!"). 

    En definitiva, agora esta peza comeza a súa xira, aínda estades a tempo de achegarvos ao auditorio ou teatro de turno para gozar con ela. Tras ler estas liñas, pode parecer unha produción moi seria, pero non obstante é todo o contrario: a frescura e o humor cobren cada segundo, e os temas máis profundos saen á luz de forma directa no momento xusto, e indirectamente sempre presentes en segundo plano. Unha síntese perfecta entre comedia e a traxedia onde hai lugar para todo, sen esquecernos dese sublime baile final (que, persoalmente, me recordou ao "Dancing Queen" de Perplexo) que serve de broche de ouro para a Noiteboa máis perfecta posible, a pesar de que Tomás non fose ben recibido.