Buscar neste blog

Amosando publicacións coa etiqueta fernando epelde. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta fernando epelde. Amosar todas as publicacións

domingo, 3 de xullo de 2016

O mundo persistente: universo WALL-E

Este ano, o Proxecto NÓS ofreceunos unha peza que contrasta co Bilingue do 2015. Dúas mostras de contemporaneidade, nas que onde daquela houbo imaxes coas que façer o ponto e un impresionante exceso de utilería, agora nos atopamos cunha viaxe cara a un universo distópico no que todo pode persistir, á súa maneira. De feito, tomo por un momento a palabra do director, Tito Asorey, quen describe o espectáculo mediante unha serie de símiles que non se alonxan nada do que vemos sobre o escenario:

"O mundo persistente podería ser a historia dunha cuadrilla de amigos que fan unha viaxe. Si, coma os Goonies. Pode que sexa un intento de imaxinar un mundo futuro certamente distópico. Si, como Fahrenheit 451. Tamén poderiamos dicir que é a historia dun revolucionario que trata de ofrecerlles aos rapaces un novo modo de ver o mundo. Si, como O club dos poetas mortos. Quizais alguén vexa a historia do paso do interior do espello ao seu exterior, nun reverso da Alicia de Carroll, ou unha sorte de versión de Peter Pan e os seus nenos perdidos."

No meu caso, ao ver a peza, a primeira comparación que me chegou á cabeza foi co futuro que nos amosa a película de WALL-E. Un futuro no que a "vida" ten lugar a través de pantallas e os humanos "viven" dende o seu asento. Un futuro no que erguerse é espertar, é rebelión. É romper as cadeas do escravo que ve sombras na parede do fondo da cova. É darse conta de que máis alá do que procesamos hai vida. Vida viva. E o planeta xestionado polo robot de Pixar non é tan diferente dese que vemos a través da videoconferencia dos rapaces d'O mundo persistente unha vez que saen da caverna.

Esa gran pantalla da que xorde Lamar, e que serve como medio de comunicación entre personaxes, é un elemento chave. Grazas a ela englóbase ao público no universo virtual. Gran parte da información do que acontece vén dada a través dese reflexo. Con este elemento podemos recordar con canta tecnoloxía convivimos case sen decatarnos, aínda que por este mesmo motivo probablemente sexa unha apreciación que pase inadvertida. A ninguén lle sorprende ser testemuña dunha videoconferencia a catro, dunha videochamada dende o exterior, ou dun video de presentación que podería ser o trailer dalgún videoxogo de hoxe en día. A era dixital xa é presente, de aí que tantos espectáculos, e este con máis razón para potenciar a mensaxe, se aproveiten dos recursos dispoñibles para engrandecer a escenografía. 

Obviamente, a omnipresencia dese Walden non é gratuíta. A día de hoxe é difícil, sobre todo entre a xente nova, tratar de pensar no mundo sen incluír neste iso ao que chamamos internet. A rede vai absorbendo cada vez máis ámbitos da nosa sociedade, esquecéndonos ás veces de se non pagará máis a pena sentir en persoa o universo sobre nós, como di certa canción. Quen sabe se nese futuro que persistirá máis alá da nosa morte como seres humanos físicos, seguirán existindo os nosos avatares virtuais, seguirán "vivindo" por nós en forma de píxeles. Igual este é o segredo da inmortalidade, as copias de seguridade, como lle acontece ao personaxe de Germán Álvarez. Porén, ata que punto se pode considerar isto como vida? Que vivimos conectados é un feito, pero ata que punto todo isto se poderá volver na nosa contra aínda está por determinar. Pezas coma esta achégannos un pouco máis a como podería ser esa distopía.
En moitos detalles ao longo de toda a peza se pode apreciar a man de Tito Asorey sobre esa base textual de Fernando Epelde. Incluso se podería dicir que vemos pequenas cousas que recordan ese exitoso Perplexo. Ademais, gustaríame salientar eses flashes decadentes que teñen lugar cando os catro rapaces saen e comezan a beber e, en certo modo, a experimentar mentres buscan un xeito de vivir máis alá das pantallas. Doutra banda, a nivel interpretativo, quixera dar a miña noraboa aos alumnos da escola de Lisboa en particular, pois en xeral foron quen mellor me convenceron dos seus personaxes.

A grandes trazos, O mundo persistente resultoume unha obra máis entretida ca o Bilingue presentado o ano pasado neste mesmo proxecto. Falando desta iniciativa, non deixa de ser unha proposta interesante a colaboración e aportación das diferentes escolas na creación dunha función conxunta. E é que hai poucas formas de aprendizaxe máis produtivas ca misturarse para traballar coma un único grupo.


Comentario de Bilingue no seguinte enlace

domingo, 8 de novembro de 2015

"Calypso", onde Voadora xoga co ridículo

Poderíase recoñecer Voadora como a compañía en cuxas pezas podemos atoparnos con ese selo de contemporaneidade tan identificativo. Calypso non ía ser menos, e neste caso son Diego Anido, Marta Pazos e Hugo Torres os encargados de construír a nosa realidade seguindo textos de Fernando Epelde.

Logo da subida do telón, a cuarta parede tanxible é o elemento por excelencia. Vólvese física a barreira que separa espectador e actor, realidade e construción do novo entorno. Vermello, verde e azul, tres únicas cores capaces de ofrecernos toda a gama cromática que poidamos imaxinar, todo o que nos rodea, e soamente precisan de luz. Non en van se comeza a elaborar o mundo tras a cuarta parede material, cando non o vemos, sen facer ruído, ao igual que a árbore que cae nun monte no que non hai ninguén (cando ninguén ve -oe- nada, realmente algo ocorre? Algo hai?). De aí que, en momentos dados cando esa parede se move, confusión e desorientación invadan a alma dos personaxes, a saída da zona de confort, ata que se converte nunha rutina máis. A cuarta parede pasa a ser un marcador do espazo no que se desenvolve a acción dos personaxes. O momento cume é a caída do muro, destruír para crear, coma esa nova Calypso sen distorsionar que contrasta coa imaxe de Henri Lehmann que se nos amosa nos programas.

Toda a escenografía é, claramente, marca Voadora: xogos con luces e música que ofrecen unha posta en escena impresionante semellante á grandeza que nos atopamos n'A Tempestade, a pesares de que na peza que comentamos agora unicamente participan tres actores (máis ruído e menos xente, ironicamente). Especialmente atractivas son aquelas escenas nas que as luces (ou as non luces) empregadas son as principais protagonistas, xa sexa ambientando carreiras de fondo ou pistas de baile, así como ofrecendo sombras distorsionadas polo movemento. Debo mencionar que sempre adoito atopar nesta compañía unha notoria influencia de Brecht, tanto polo estilo de personaxes que aparecen nas pezas coma polas chamadas de atención sobre elementos concretos, enviándolle ao espectador mensaxes específicas, neste caso relacionadas cos diferentes textos de partida. 

Fernando Epelde entende Calypso coma a danza do ridículo, e de aí que ao longo de toda a peza apreciemos trazos e situacións relacionadas con tal tema. Tanto podemos ver bailes un tanto aeróbicos coma intervencións de difícil definición ou calificación, así como duplicados de accións e persoas. A ridiculez da sociedade actual, do que supón hoxe en día sacarse unha foto ou relacionarse tamén ten cabida neste espectáculo, espectáculo a base de flashes e brincos entre escenas. Marta Pazos, actriz e directora desta peza, afirma que Calypso son links entre imaxes, reflexando algo cotián que facemos día a día navegando pola rede. Unha páxina leva a outra, e a outra, e así sucesivamente, e o mesmo ocorre con esta obra. A peza non é máis ca poesía visual, unha representación de pensamentos escritos que percibimos intensamente por vista e oído a través de imaxes fragmentadas.


Para comprender a peza debemos darnos conta de que o sentido desta obra é o non ter sentido, é dicir, para chegar a entendela dun xeito global, primeiro débense apreciar as distintas imaxes para extraer esa visión de conxunto. A idea xeral non é máis ca unha representación do presente, o noso día a día consiste nunha viaxe entre links, unha sociedade que se consume, de tal xeito que ao final alcanzamos un punto no que xa non sabemos como chegamos ata alí. Existe un fío condutor principal, a construción da realidade, mais analizando a peza en profundidade, podemos ver que cada escena ou texto implica a súa propia reflexión individual, dende o valor do gratis ata a importancia das cores, pasando por escenas de amor tan intensas coma a de the artist is present. Sen dúbida un gran traballo por parte desta compañía, ofrecéndonos desta vez unha obra máis filosófica e menos argumental, e sempre contando con ese desbaratamento de enerxía e xogos con luces e sons tan característico.

Comentario d'A Tempestade de Voadora: 
http://teatroentreluscoefusco.blogspot.com.es/2015/03/a-tempestade-de-william-shakeaspeare.html