Buscar neste blog

Amosando publicacións coa etiqueta esad. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta esad. Amosar todas as publicacións

domingo, 3 de xullo de 2016

O mundo persistente: universo WALL-E

Este ano, o Proxecto NÓS ofreceunos unha peza que contrasta co Bilingue do 2015. Dúas mostras de contemporaneidade, nas que onde daquela houbo imaxes coas que façer o ponto e un impresionante exceso de utilería, agora nos atopamos cunha viaxe cara a un universo distópico no que todo pode persistir, á súa maneira. De feito, tomo por un momento a palabra do director, Tito Asorey, quen describe o espectáculo mediante unha serie de símiles que non se alonxan nada do que vemos sobre o escenario:

"O mundo persistente podería ser a historia dunha cuadrilla de amigos que fan unha viaxe. Si, coma os Goonies. Pode que sexa un intento de imaxinar un mundo futuro certamente distópico. Si, como Fahrenheit 451. Tamén poderiamos dicir que é a historia dun revolucionario que trata de ofrecerlles aos rapaces un novo modo de ver o mundo. Si, como O club dos poetas mortos. Quizais alguén vexa a historia do paso do interior do espello ao seu exterior, nun reverso da Alicia de Carroll, ou unha sorte de versión de Peter Pan e os seus nenos perdidos."

No meu caso, ao ver a peza, a primeira comparación que me chegou á cabeza foi co futuro que nos amosa a película de WALL-E. Un futuro no que a "vida" ten lugar a través de pantallas e os humanos "viven" dende o seu asento. Un futuro no que erguerse é espertar, é rebelión. É romper as cadeas do escravo que ve sombras na parede do fondo da cova. É darse conta de que máis alá do que procesamos hai vida. Vida viva. E o planeta xestionado polo robot de Pixar non é tan diferente dese que vemos a través da videoconferencia dos rapaces d'O mundo persistente unha vez que saen da caverna.

Esa gran pantalla da que xorde Lamar, e que serve como medio de comunicación entre personaxes, é un elemento chave. Grazas a ela englóbase ao público no universo virtual. Gran parte da información do que acontece vén dada a través dese reflexo. Con este elemento podemos recordar con canta tecnoloxía convivimos case sen decatarnos, aínda que por este mesmo motivo probablemente sexa unha apreciación que pase inadvertida. A ninguén lle sorprende ser testemuña dunha videoconferencia a catro, dunha videochamada dende o exterior, ou dun video de presentación que podería ser o trailer dalgún videoxogo de hoxe en día. A era dixital xa é presente, de aí que tantos espectáculos, e este con máis razón para potenciar a mensaxe, se aproveiten dos recursos dispoñibles para engrandecer a escenografía. 

Obviamente, a omnipresencia dese Walden non é gratuíta. A día de hoxe é difícil, sobre todo entre a xente nova, tratar de pensar no mundo sen incluír neste iso ao que chamamos internet. A rede vai absorbendo cada vez máis ámbitos da nosa sociedade, esquecéndonos ás veces de se non pagará máis a pena sentir en persoa o universo sobre nós, como di certa canción. Quen sabe se nese futuro que persistirá máis alá da nosa morte como seres humanos físicos, seguirán existindo os nosos avatares virtuais, seguirán "vivindo" por nós en forma de píxeles. Igual este é o segredo da inmortalidade, as copias de seguridade, como lle acontece ao personaxe de Germán Álvarez. Porén, ata que punto se pode considerar isto como vida? Que vivimos conectados é un feito, pero ata que punto todo isto se poderá volver na nosa contra aínda está por determinar. Pezas coma esta achégannos un pouco máis a como podería ser esa distopía.
En moitos detalles ao longo de toda a peza se pode apreciar a man de Tito Asorey sobre esa base textual de Fernando Epelde. Incluso se podería dicir que vemos pequenas cousas que recordan ese exitoso Perplexo. Ademais, gustaríame salientar eses flashes decadentes que teñen lugar cando os catro rapaces saen e comezan a beber e, en certo modo, a experimentar mentres buscan un xeito de vivir máis alá das pantallas. Doutra banda, a nivel interpretativo, quixera dar a miña noraboa aos alumnos da escola de Lisboa en particular, pois en xeral foron quen mellor me convenceron dos seus personaxes.

A grandes trazos, O mundo persistente resultoume unha obra máis entretida ca o Bilingue presentado o ano pasado neste mesmo proxecto. Falando desta iniciativa, non deixa de ser unha proposta interesante a colaboración e aportación das diferentes escolas na creación dunha función conxunta. E é que hai poucas formas de aprendizaxe máis produtivas ca misturarse para traballar coma un único grupo.


Comentario de Bilingue no seguinte enlace

venres, 26 de xuño de 2015

'Bilingue': Façamos o ponto.

Façamos o ponto. Onde é que nos encontramos?

 
O Gótico matou o Românico, a fotografia matou os Pré-Rafaelitas, os Séculos Escuros mataram o Galaico-Português, o Fukuyama matou a História, o 11 de Setembro matou a ironia... E com quem é que se pode contar daqui para diante? Nietzsche matou Deus, o Benjamin matou-se, os russos mataram a Laika, um touro matou o Manolete, o álcool matou o Eusébio... O Foucault morreu em 84, o Lyotard morreu em 88, o Derrida morreu em 2004, o Baudrillard morreu em 2007... O Shia LaBeouf já não é famoso e para cúmulo foi violado dentro de um museu. E agora já ninguém quer ser artista e nós não sabemos se somos anti-arte ou anti-anti-arte, até porque a anti-arte já morreu e contra os mortos não há nada a fazer. 

Façamos então o ponto. Afastemos o nevoeiro da ironia com ajuda do real. Onde está ele? O que sobrou depois da destruição?

Ás veces, o motor que impulsa a achegarse ao Salón Teatro de Santiago é a representación de obras que son froito de proxectos innovadores, coma no caso de Bilingue. Esta é a peza inaugural do Proxecto NÓS Territorio (Es)Cénico Portugal Galicia, que parte do texto de José Maria Vieira Mendes e conta coa dirección de Pedro Zegre Penim, e na que interveñen alumnos de tres escolas de teatro de cidades lusas e galegas: Lisboa, Porto e Vigo.

Se hai algo no que fai fincapé Bilingue é en "fazer o ponto", en pararse a pensar e avaliar a situación; ao mesmo tempo, créase esa distinción entre o pasado e o contemporáneo, a diferenza entre o común e o transgresor. É por iso polo que os distintos personaxes reflexionan sobre a súa identidade, debullando os momentos pouco a pouco para acabar amosando a miúdo unha actitude existencialista. Estas reflexións van da man dun continuo desexo por parte dos protagonistas de contar "a súa historia", de xeito que o escenario pasa a ser un caixón de xastre que acumula as esfiañadas historias que se tratan de narrar; por isto, ao final soamente nos atopamos con remendos do pasado dos personaxes, identidades difuminadas, e preguntas reiterativas: quen son eu? Ti es eu? Eu son ti? Cal é a resposta correcta? A maneira na que os personaxes se miran, se escoitan e se levan a contraria, así como os diálogos unidireccionais co público non fan máis ca acentuar e dar máis xogo a esas dúbidas que se plantexan na procura da identidade e a historia de cada un.

Indo máis alá do texto e a intencionalidade da peza, o espazo dramático é do máis inusual e distintivo. Sobre o escenario atopámonos con elementos de diferente índole, dende sofás ata unha bóla de discoteca con forma de coello (responsable duns efectos de luz do máis chamativos cara ao final da obra), incluíndo tamén instrumentos musicais e unha gran diana con espirais vermellas e brancas con coitelos cravados, que xira de cando en vez ao que algún dos personaxes a empurra. Porén, o que máis chama a atención é esa especie de saliña anexa, separada cunhas cortinas transparentes, que contrasta sobre todo debido á súa brancura fronte ás cores cálidas que ocupan o resto do escenario. Nese espazo, vemos que os personaxes agardan o seu momento de intervención coma se dunha sala de espera se tratase; non obstante, nalgúns momentos podemos apreciar mediante un televisor colocado no espazo principal que tamén empregan o lugar inmaculado para enviar mensaxes (musicais ou visuais) ao outro lado da cortina.


O vestiario empregado é outro dos puntos salientables da peza; indumentarias do máis variadas que non pasan desapercibidas. Este, xunto coa dispar utilería, os efectos de luces e o acompañamento musical (cabe resaltar a interpretación de Ailén e a súa obsesión pola "música de ambiente" con diferentes instrumentos) fai que o espectáculo se desenvolva nunha atmósfera dinámica, incluso me atrevería a dicir circense. Pode ser que, entre tanto efecto sonoro e visual, por veces se perda a esencia do texto, de xeito que o público o pase por alto e se centre máis nos constantes estímulos sobre o escenario e na saliña anexa. 

Ademais, Bilingue é sobre todo interesante como un escaparate para apreciar o talento co que nos podemos atopar nas escolas artísticas, neste caso a ESAD (Escola Superior de Arte Dramático) en Galicia, e a ESMAE (Escola Superior de Música, Artes e Espetáculo) e a ESCT (Escola Superior de Cinema e Teatro) no país veciño. Atopámonos cun elenco de actores e actrices xoves que sen dúbida darán moito que falar nos anos vindeiros dos dous lados da fronteira.