Buscar neste blog

Amosando publicacións coa etiqueta salón teatro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta salón teatro. Amosar todas as publicacións

domingo, 3 de xullo de 2016

O mundo persistente: universo WALL-E

Este ano, o Proxecto NÓS ofreceunos unha peza que contrasta co Bilingue do 2015. Dúas mostras de contemporaneidade, nas que onde daquela houbo imaxes coas que façer o ponto e un impresionante exceso de utilería, agora nos atopamos cunha viaxe cara a un universo distópico no que todo pode persistir, á súa maneira. De feito, tomo por un momento a palabra do director, Tito Asorey, quen describe o espectáculo mediante unha serie de símiles que non se alonxan nada do que vemos sobre o escenario:

"O mundo persistente podería ser a historia dunha cuadrilla de amigos que fan unha viaxe. Si, coma os Goonies. Pode que sexa un intento de imaxinar un mundo futuro certamente distópico. Si, como Fahrenheit 451. Tamén poderiamos dicir que é a historia dun revolucionario que trata de ofrecerlles aos rapaces un novo modo de ver o mundo. Si, como O club dos poetas mortos. Quizais alguén vexa a historia do paso do interior do espello ao seu exterior, nun reverso da Alicia de Carroll, ou unha sorte de versión de Peter Pan e os seus nenos perdidos."

No meu caso, ao ver a peza, a primeira comparación que me chegou á cabeza foi co futuro que nos amosa a película de WALL-E. Un futuro no que a "vida" ten lugar a través de pantallas e os humanos "viven" dende o seu asento. Un futuro no que erguerse é espertar, é rebelión. É romper as cadeas do escravo que ve sombras na parede do fondo da cova. É darse conta de que máis alá do que procesamos hai vida. Vida viva. E o planeta xestionado polo robot de Pixar non é tan diferente dese que vemos a través da videoconferencia dos rapaces d'O mundo persistente unha vez que saen da caverna.

Esa gran pantalla da que xorde Lamar, e que serve como medio de comunicación entre personaxes, é un elemento chave. Grazas a ela englóbase ao público no universo virtual. Gran parte da información do que acontece vén dada a través dese reflexo. Con este elemento podemos recordar con canta tecnoloxía convivimos case sen decatarnos, aínda que por este mesmo motivo probablemente sexa unha apreciación que pase inadvertida. A ninguén lle sorprende ser testemuña dunha videoconferencia a catro, dunha videochamada dende o exterior, ou dun video de presentación que podería ser o trailer dalgún videoxogo de hoxe en día. A era dixital xa é presente, de aí que tantos espectáculos, e este con máis razón para potenciar a mensaxe, se aproveiten dos recursos dispoñibles para engrandecer a escenografía. 

Obviamente, a omnipresencia dese Walden non é gratuíta. A día de hoxe é difícil, sobre todo entre a xente nova, tratar de pensar no mundo sen incluír neste iso ao que chamamos internet. A rede vai absorbendo cada vez máis ámbitos da nosa sociedade, esquecéndonos ás veces de se non pagará máis a pena sentir en persoa o universo sobre nós, como di certa canción. Quen sabe se nese futuro que persistirá máis alá da nosa morte como seres humanos físicos, seguirán existindo os nosos avatares virtuais, seguirán "vivindo" por nós en forma de píxeles. Igual este é o segredo da inmortalidade, as copias de seguridade, como lle acontece ao personaxe de Germán Álvarez. Porén, ata que punto se pode considerar isto como vida? Que vivimos conectados é un feito, pero ata que punto todo isto se poderá volver na nosa contra aínda está por determinar. Pezas coma esta achégannos un pouco máis a como podería ser esa distopía.
En moitos detalles ao longo de toda a peza se pode apreciar a man de Tito Asorey sobre esa base textual de Fernando Epelde. Incluso se podería dicir que vemos pequenas cousas que recordan ese exitoso Perplexo. Ademais, gustaríame salientar eses flashes decadentes que teñen lugar cando os catro rapaces saen e comezan a beber e, en certo modo, a experimentar mentres buscan un xeito de vivir máis alá das pantallas. Doutra banda, a nivel interpretativo, quixera dar a miña noraboa aos alumnos da escola de Lisboa en particular, pois en xeral foron quen mellor me convenceron dos seus personaxes.

A grandes trazos, O mundo persistente resultoume unha obra máis entretida ca o Bilingue presentado o ano pasado neste mesmo proxecto. Falando desta iniciativa, non deixa de ser unha proposta interesante a colaboración e aportación das diferentes escolas na creación dunha función conxunta. E é que hai poucas formas de aprendizaxe máis produtivas ca misturarse para traballar coma un único grupo.


Comentario de Bilingue no seguinte enlace

mércores, 9 de setembro de 2015

"Da Vinci tiña razón!", unha desas Producións Teatrais Excéntricas

Comezamos esta segunda tempada do blogue cunha obra de Roland Topor que non se parece a ningunha das que vin ata o momento. É ben certo que Da Vinci tiña razón! coa dirección de Quico Cadaval estreouse fai máis de ano e medio, pero é desas pezas que convén ver (aínda que sexa tarde) para botar unhas risas dende o patio de butacas. E é que, teatreiros, Da Vinci é a obra máis divertida, máis truculenta, máis pérfida, máis actual que xamais poderemos ver na televisión. Pódovos asegurar que isto é certo, xa que dificilmente atoparemos noutro lugar unha obra que, xirando en torno a un tema tan escatolóxico, sexa tan atractiva.

Cando alguén, hoxe en día, se dirixe a un actor ou actriz antes de comezar un espectáculo para desexarlle "moita merda", nunca se espera que esta afirmación sexa tomada de xeito literal; certamente, isto é o que ocorre con Da Vinci tiña razón! As primeiras alusións a tan menosprezado termo parecen mera casualidade, porén aos poucos minutos ímonos dando conta de que realmente ese vai ser o núcleo da peza, o cemento entre as dúas acomodadas familias (visitante e visitada) e incluso os veciños. A omnipresente merda perturba e trastorna aos personaxes, provocando que as relacións entre eles se fagan máis tensas ou máis próximas. O que semella comezar como unha reunión entre dúas familias que se levan aceptablemente ben, remata con moi fortes vínculos interfamiliares e con importantes (e irremediables) fisuras intrafamiliares. E todo isto por unha merda. Ou varias. Ou moitas. Por un monte de merda.

As marcadas características dos protagonistas da peza fan que cada un deles sexa único afrontando o drama dun xeito particular. Entre os caricaturescos personaxes hai actitudes de todo tipo, e cabe destacar que non se chega a ese punto no que entre tanta hipérbole nos esquecemos de que tras o clown hai unha persoa: neste caso, as particularidades ofrécennos unha visión impresionista de cada un. Hai quen se obsesiona con atopar ao culpable, quen se vai cagando polas esquinas, polo baño do veciño, quen se deixa levar polas emocións, quen finxe sorpresa con cada agasallo que chega, quen pensa que é o mellor momento para declarar o seu amor, quen se ve sometido a crueis interrogatorios, e incluso quen decide sacar un arma e rematar o drama dunha vez por todas. A pregunta é, ao final, quen é o culpable? Todos, un, ou ninguén? 

Como sempre acabo facendo algunha referencia á escenografía das pezas, neste caso non vai ser menos. Se hai algo que quero que aboie sobre este "mar de merda" son as sombras que entre escena e escena ornamentan o escenario. Xogar con eses paneis brancos e as siluetas dos personaxes é un punto a ter en conta que aporta un toque especial á peza e que pode pasar desapercibido entre tanto humor. Grazas a isto, a obra non se reduce a unha "comedia de sofá" sen apenas efectos escenográficos, senón que adquire unha certa elegancia dentro do que cabe. A isto tamén hai que engadir os tronos e lóstregos que soan e alumean durante a segunda metade da obra interrompendo os diálogos e chamando a atención sobre determinadas frases relacionadas, como era de esperar, con ese cemento marrón que o une todo.

De primeiras, pode parecer que o abuso dun termo ou dun tema sexan novedosos e atraíntes ao principio e que de cara ao final vaia perdendo forza; neste caso, sosteño que ocorre xustamente o contrario. Ao comezo da representación, acode á mente a idea de que unha peza tan monotemática acabará perdendo a graza pola sobreexplotación do chiste fácil. Porén, a medida que avanza, a risa é cada vez maior e, persoalmente, os gags dos últimos minutos son simplemente angustiosos, xa que hai que procurar controlar as risadas para non armar demasiado rebumbio. Por isto, noraboa a Quico Cadaval e en xeral a Producións Teatrais Excéntricas, grazas por tantas risas en tan pouco tempo. 

Xa teño dito que, persoalmente, as pezas teatrais coas que máis desfruto son aquelas nas que me paro a reflexionar ou nas que as emocións fan que teña que sacar un pano do peto para recoller as bágoas. Neste caso, aínda que non foi precisamente polo sentimento da obra, tamén tiven que limpar as meixelas. Chorar de risa tamén está ben. Conservar o sentido do humor sobre temas tan (absurdamente) tabús como é falar da merda, está mellor.

venres, 5 de xuño de 2015

O Principio de Arquímedes, de Teatro do Atlántico

Por que non substituír os dous bicos, que son a mostra de cordialidade máis fría do mundo, por un abrazo de catro segundos? Ah, non, que xa nos estamos pasando da raia. 

A peza do autor catalán Josep María Miró i Coromina ten, dende este ano, a súa versión en galego grazas á compañía Teatro do Atlántico coa dirección de Xúlio Lago. Sendo a pederastia o tema principal, o argumento xira en torno a un adestrador de natación infantil que, segundo unha nena, lle deu un abrazo e un bico a un neno que tiña medo a tirarse á piscina sen flotador, provocando as queixas dos pais do resto de nenos.

O protagonista, Xurxo, que se caracteriza pola súa rebeldía e infantilismo, contrasta en gran medida co carácter serio e formal de Héctor. Antes de que o primeiro descubra o conflito no que está metido, vemos que o seu comportamento no vestiario dos monitores se caracteriza pola vitalidade: imita a diferentes persoas, fai bromas co seu compañeiro e incluso ceiba algúns comentarios sen pensar dos que se arrepentirá máis tarde ("os cabaliños de mar son só meus"). Porén, unha vez que Ana lle comunica as queixas dos pais dos seus alumnos, ese espírito dinámico esvaécese e consómese en si mesmo, tratando de xustificarse e buscando a confianza dos seus compañeiros, a pesares de que non chegará a conseguila. Toni Salgado, a través de Xurxo, é capaz de transmitir esa desesperación e angustia de quen quere ser escoitado e comprendido sen conseguilo; de quen está vendo como o seu mundo se ven abaixo de súpeto, dun momento para outro; de quen se dá conta de que a súa vida está comezando a cambiar a pasos de xigante, cada vez máis rápido, e sen poder facer ou dicir nada por evitalo.

Máis alá da interpretación, un dos puntos fortes é o xogo cos saltos no tempo entre as diferentes escenas; isto crea un efecto interesante no público, que ten que unir e formar a cronoloxía dos feitos acontecidos. Nos momentos clave, un escurecido total do escenario acompañado dos sons que se poden oír unha piscina pública serven como transición entre as distintas situacións. Ademais, o feito de que sobre o escenario, a modo de segundo público, nos atopemos con dúas filas de caras coñecidas do mundo audiovisual e teatral galego resulta curioso: semella o xurado que ha de emitir o veredicto a favor ou en contra de Xurxo.

Porén, a chave da peza está nas preguntas que xorden a partir da mesma: pódese afirmar algo a partires do que di un neno? Como podemos saber se se trata dun testemuño fiable? Por outro lado, será máis crible o que diga Xurxo? Todo induce á reflexión, un tanto filosófica, e do mesmo modo que rematamos a peza con esas dúbidas, é razoable pensar que en tantas situacións similares que se repiten no noso día a día tampouco podemos dar coa resposta rapidamente. Un xuízo nunca poderá ser claro ao cen por cen cando as probas son tan difusas, posto que a miúdo os testemuños de quen o presenciaron se atopan manipulados polas propias percepcións inconscientemente (un exemplo claro teríamolo no filme 12 homes sen piedade). Ao ver a obra, o pensamento pode ser que Xurxo é inocente debido á angustia que mostra despois de coñecer as acusacións dos pais. Porén, do mesmo xeito que vemos a impactantemente xenial interpretación de Toni Salgado, quen nos di que Xurxo non sexa tamén un bó actor? Estános mentindo, ao igual que fai con Ana e o tabaco?


Outro dos temas principais é a censura a día de hoxe, contrastando coas situacións que Ana lle explica a Héctor: probablemente, trasladándoas á situación actual, en moitos casos se pensaría que estamos a falar de pederastia. No caso de Xurxo, entendendo que sexa inocente, parecen ridículas as barreiras que se poñen hoxe en día. Se darlle un abrazo a un neno porque ten medo converte ao seu monitor en abusador, a saber que se pensaría do que Ana conta do seu pasado. Avanzamos nunha sociedade que limita as mostras de cariño, pois á mínima estámonos "pasando da raia". Dise que se precisan catro abrazos ao día para sobrevivir, oito para vivir e doce para medrar; non obstante, hoxe en día, os límites son ríxidos e as mostras de afecto non se poden mostrar tan efusivamente a non ser que se busquen calificativos despectivos.

Está claro que esta peza me incitou a reflexionar (iso, das que a min me gustan) e mesmo me emocionou por momentos dado que vin reflexados nos personaxes a persoas coas que me atopei nun momento da miña vida. Por iso, eu manteño que Xurxo é inocente, que sempre o será e que non se merece o mal momento polo que está pasando; o problema acaba sendo ese: culpable ou non, a imaxe que está conseguindo acompañarao sempre. Unha gozada de produción para Teatro do Atlántico, e unha interpretación sublime por parte de Toni, María, Alberto e Marcos, grandes caras coñecidas dos escenarios galegos.

Sax Tenor, a versión lusa da obra de Roberto Vidal Bolaño

Sax tenor. Desgraça suburbana improvável entre loucos, gangsters, chulos e putas

José Martins, a través dun elenco composto por máis dunha ducia de actores e actrices, coloca sobre as táboas un arrabalde no que sobre unha poza de sangue indeleble hai un cadáver dun mozo afeccionado ao saxofón. A continuación vemos que, dous anos máis tarde do tráxico acontecemento, un policía pretende esclarecer o acontecido, e mergullámonos entón no testemuño dun dos personaxes. Este reconstrúe o ocorrido nas horas posteriores á morte para outorgarlle ao investigador as respostas que busca. Este argumento non é nada menos ca o da popular obra Saxo Tenor, de Roberto Vidal Bolaño, autor ao que recentemente se lle adicou o día das nosas letras pola súa labor recoñecida, sobre todo, no ámbito teatral.

Esta versión en portugués por parte do Teatro Nacional Dona Maria II de Lisboa do célebre autor galego non deixa a ninguén indiferente. O espazo, perfectamente caracterizado para a ocasión, sitúanos nun lugar marxinal con personaxes que lle veñen coma anel ao dedo. A praza do asasinato do músico é o punto de encontro entre pasado e presente; vemos que, co paso deses dous anos de diferenza, o lugar resulta máis tebroso. Xa non nos atopamos cos personaxes que antano discutían sobre o culpable da morte do rapaz: o lugar está baleiro, e só a través da mente do personaxe que conecta ambos mundos volvemos a encher eses ocos.

En ocasións, a posta en escena e as actitudes recórdannos á viaxe de Max e Don Latino en Luces de Bohemia, con personaxes marxinais caricaturizados e mostrando esas partes máis degradantes de cada individuo. Por isto, apréciase o gran contraste entre os personaxes que habitan nese lugar, todos eles ataviados con prendas vermellas coma se fose un sinal identificativo, e os forasteiros, de cores escuras, cun nivel de vida completamente diferente. O contraste entre os tons cálidos das súas roupas e a chuvia que os acompaña durante toda a reconstrución dos feitos amplifica a sensación de ambiente delituoso. 

Resulta digno de mención o traballo realizado pola compañía, dado que o elenco está composto por catorce actores que ademais, en numerosas ocasións, representan máis dun personaxe. Por outro lado, a compenetración entre eles resulta sublime, xa que é evidente que atoparse con tantos actores sobre un escenario require un grao de coordinación máximo. 

É emocionante ver como as nosas letras atravesan a fronteira co país veciño para que nos ofrezan agasallos coma este mesturando o mellor de ambos mundos. O texto de Saxo tenor, de Roberto Vidal Bolaño, serve como nexo entre as dúas partes, ofrecéndonos unha peza dunhas dúas horas de duración que conta a historia do saxofonista asasinado co fermoso timbre da lingua portuguesa.