Buscar neste blog

Amosando publicacións coa etiqueta centro dramático galego. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta centro dramático galego. Amosar todas as publicacións

domingo, 26 de abril de 2015

Ganas de ouvear, de Teatre Nacional de Catalunya, CatroCadeiras e CDG

Atraída pola idea de que a obra teatral estivese coproducida por Galicia e Cataluña, dirixinme ao Salón Teatro ás 18:00 desta tarde para poder presenciar a produción Ganas de ouvear (Ganes d'udolar en catalán). A obra está dirixida polo Dani Salgado, e os intérpretes son el mesmo e Joan Giralt, co apoio de Montse Piñeiro e Laura Romero, a cargo da escenografía.

Ganas de ouvear é un máis que claro exemplo do que é o teatro didáctico, ese teatro cuxos maiores exponentes foron Piscator e Brecht a través do épico. Os dous actores, ambos docentes tanto dentro coma fóra do teatro, buscan transmitir aos seus alumnos (e ao público en xeral) que é a poesía a través de imaxes, símbolos, metáforas. Como fío condutor, os textos de Alfonso Pexegueiro e Narcís Comadira, galego e catalán.

Podemos apreciar as percepcións que teñen ambos personaxes respecto ao teatro e á dramaturxia, partindo de experiencias propias (verdadeiras ou falsas), principalmente a través dos extensos soliloquios de Salgado. Por outro lado, é salientable a crítica que se fai do sistema educativo, cuxas guías docentes proceden de xente case allea ao mesmo que goberna nas clases do profesorado. 

Abundan os xogos con diferentes elementos do escenario, case espido, como manequíns, rolos de papel ou teas; é interesante cando, ao comezo da obra, coa axuda dun espello, unha luz azul percorre a todos os membros do público. De feito, os distintos xogos que fai Salgado con ese espello parecéronme curiosos. Non obstante, debo dicir que na maioría dos casos non captei a mensaxe que trataban de mandar ao público con ditos elementos. Máis concretamente, chamoume moito a atención un momento no que Salgado atravesa un panel dun material plástico despois de rasgalo coa navalla, a pesar de que non conseguín relacionalo con nada. As proxeccións tamén son un elemento clave da obra, que enchen pequenos ocos entre escenas ou complementan ás mesmas.

O recitado de poemas e as reflexións sobre os mesmos son a parte esencial da produción, e non cabe dúbida de que se trata dunha peza moi traballada arredor dos textos mencionados anteriormente. Aínda así, dende o meu punto de vista, en ocasións a representación faise moi densa; é obvio que todo o que filosofan e analizan é máis que interesante, pero non obstante nalgúns casos o público pérdese entre os textos nunha obra dunha duración tan ampla.

A transformación de Salgado, quen pasa de ter un trauma coa poesía a valorar máis a arte poética, móstranos que non hai que temerlle a ese xénero, tan esquecido e rexeitado hoxe en día polas novas xeracións. Segundo o propio Dani Salgado nunha entrevista, pretenden mostrar a arte da "manipulación da palabra"; estamos acostumados a tomar a poesía como algo que non se entende, pouco claro, e esta produción achéganos a ela mesturándoa coa literatura máis visual: o teatro.


luns, 16 de marzo de 2015

Xardín Suspenso, de Abel Neves (Centro Dramático Galego)

Estreo este blog coa obra de teatro que hoxe vin no Salón Teatro de Santiago de Compostela: Xardín Suspenso, de Abel Neves. O espectáculo foi producido polo CDG (Centro Dramático Galego), cun elenco de primeira liña seguindo os movementos da batuta de Cándido Pazó.

Se tivese que resumir nunha palabra esta representación teatral, supoño que me quedaría con intensa. O texto cobra unha importancia superlativa: as palabras convértense na clave do desenvolvemento psicolóxico dos personaxes, especialmente para Lucía. O espacio escénico acaba pasando a un segundo plano para o espectador cando se mete de cheo na historia, e non obstante non se pode pasar por alto a importancia dese xardín, seco, sen flores, que acaba provocando sentimentos contrapostos a medida que avanza a peza: ¿será un lugar creado para amar ou para morrer?

De todos modos, se hai algo que queira destacar desta obra é a sublime interpretación por parte do elenco. Non vou enganar a ninguén: é unha peza que emociona, e tampouco minto cando digo que houbo escenas nas que non puiden conter as bágoas. A perfectísima actuación de Melania Cruz (actriz que me sorprende cada día máis e mellor) fixo que me removese no asento, coa pel de galiña e arrepíos por todo o corpo. Os xestos, os movementos, as miradas, os berros, todo en harmonía, creando unha figura cada vez máis fráxil e consumida polas falsas promesas, pero con forza suficiente como para conseguilo. Se tivese que quedarme con algunha escena, non sabería elexir, pero está ben claro que Lucía estaría nela: a primeira escena a soas con Mateo (outro personaxe que fala cos ollos, grande Santi Romay), ou algunha das escenas finais, como a dos coitelos ou a das "arañas", que se alonga ata o desenlace fatal da protagonista (acompañada dunha avoa de conto encarnada por Luisa Merelas), serían as que máis me fixeron sentir a historia. O contraste entre a tráxica historia dunha xa moi lánguida Lucía e os contrapuntos irónicos por parte do resto de personaxes constitúen unha síntese ideal. Neste ámbito, pretendo destacar a César Cambeiro, ese Alberto, combinando o mellor de ambos mundos, que fixo que o público se rise polo baixo a pesar de estar presenciando como a protagonista se esfrangullaba lentamente.

Dende a miña perspectiva, os puntos fortes desta obra son, claramente, os diálogos (ou monólogos) e a interpretación dos actores e actrices. Nestes aspectos, nada é casual, cada frase, cada silencio, cada mirada e cada caricia contan, formando unha atmósfera envolvente que te leva con eses personaxes e os seus sentimentos durante o tempo do espectáculo (e incluso máis). Sen dúbida, paga a pena achegarse polo teatro para gozar de xoias coma esta.