Buscar neste blog

Amosando publicacións coa etiqueta santi romay. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta santi romay. Amosar todas as publicacións

mércores, 9 de setembro de 2015

"Da Vinci tiña razón!", unha desas Producións Teatrais Excéntricas

Comezamos esta segunda tempada do blogue cunha obra de Roland Topor que non se parece a ningunha das que vin ata o momento. É ben certo que Da Vinci tiña razón! coa dirección de Quico Cadaval estreouse fai máis de ano e medio, pero é desas pezas que convén ver (aínda que sexa tarde) para botar unhas risas dende o patio de butacas. E é que, teatreiros, Da Vinci é a obra máis divertida, máis truculenta, máis pérfida, máis actual que xamais poderemos ver na televisión. Pódovos asegurar que isto é certo, xa que dificilmente atoparemos noutro lugar unha obra que, xirando en torno a un tema tan escatolóxico, sexa tan atractiva.

Cando alguén, hoxe en día, se dirixe a un actor ou actriz antes de comezar un espectáculo para desexarlle "moita merda", nunca se espera que esta afirmación sexa tomada de xeito literal; certamente, isto é o que ocorre con Da Vinci tiña razón! As primeiras alusións a tan menosprezado termo parecen mera casualidade, porén aos poucos minutos ímonos dando conta de que realmente ese vai ser o núcleo da peza, o cemento entre as dúas acomodadas familias (visitante e visitada) e incluso os veciños. A omnipresente merda perturba e trastorna aos personaxes, provocando que as relacións entre eles se fagan máis tensas ou máis próximas. O que semella comezar como unha reunión entre dúas familias que se levan aceptablemente ben, remata con moi fortes vínculos interfamiliares e con importantes (e irremediables) fisuras intrafamiliares. E todo isto por unha merda. Ou varias. Ou moitas. Por un monte de merda.

As marcadas características dos protagonistas da peza fan que cada un deles sexa único afrontando o drama dun xeito particular. Entre os caricaturescos personaxes hai actitudes de todo tipo, e cabe destacar que non se chega a ese punto no que entre tanta hipérbole nos esquecemos de que tras o clown hai unha persoa: neste caso, as particularidades ofrécennos unha visión impresionista de cada un. Hai quen se obsesiona con atopar ao culpable, quen se vai cagando polas esquinas, polo baño do veciño, quen se deixa levar polas emocións, quen finxe sorpresa con cada agasallo que chega, quen pensa que é o mellor momento para declarar o seu amor, quen se ve sometido a crueis interrogatorios, e incluso quen decide sacar un arma e rematar o drama dunha vez por todas. A pregunta é, ao final, quen é o culpable? Todos, un, ou ninguén? 

Como sempre acabo facendo algunha referencia á escenografía das pezas, neste caso non vai ser menos. Se hai algo que quero que aboie sobre este "mar de merda" son as sombras que entre escena e escena ornamentan o escenario. Xogar con eses paneis brancos e as siluetas dos personaxes é un punto a ter en conta que aporta un toque especial á peza e que pode pasar desapercibido entre tanto humor. Grazas a isto, a obra non se reduce a unha "comedia de sofá" sen apenas efectos escenográficos, senón que adquire unha certa elegancia dentro do que cabe. A isto tamén hai que engadir os tronos e lóstregos que soan e alumean durante a segunda metade da obra interrompendo os diálogos e chamando a atención sobre determinadas frases relacionadas, como era de esperar, con ese cemento marrón que o une todo.

De primeiras, pode parecer que o abuso dun termo ou dun tema sexan novedosos e atraíntes ao principio e que de cara ao final vaia perdendo forza; neste caso, sosteño que ocorre xustamente o contrario. Ao comezo da representación, acode á mente a idea de que unha peza tan monotemática acabará perdendo a graza pola sobreexplotación do chiste fácil. Porén, a medida que avanza, a risa é cada vez maior e, persoalmente, os gags dos últimos minutos son simplemente angustiosos, xa que hai que procurar controlar as risadas para non armar demasiado rebumbio. Por isto, noraboa a Quico Cadaval e en xeral a Producións Teatrais Excéntricas, grazas por tantas risas en tan pouco tempo. 

Xa teño dito que, persoalmente, as pezas teatrais coas que máis desfruto son aquelas nas que me paro a reflexionar ou nas que as emocións fan que teña que sacar un pano do peto para recoller as bágoas. Neste caso, aínda que non foi precisamente polo sentimento da obra, tamén tiven que limpar as meixelas. Chorar de risa tamén está ben. Conservar o sentido do humor sobre temas tan (absurdamente) tabús como é falar da merda, está mellor.

luns, 16 de marzo de 2015

Xardín Suspenso, de Abel Neves (Centro Dramático Galego)

Estreo este blog coa obra de teatro que hoxe vin no Salón Teatro de Santiago de Compostela: Xardín Suspenso, de Abel Neves. O espectáculo foi producido polo CDG (Centro Dramático Galego), cun elenco de primeira liña seguindo os movementos da batuta de Cándido Pazó.

Se tivese que resumir nunha palabra esta representación teatral, supoño que me quedaría con intensa. O texto cobra unha importancia superlativa: as palabras convértense na clave do desenvolvemento psicolóxico dos personaxes, especialmente para Lucía. O espacio escénico acaba pasando a un segundo plano para o espectador cando se mete de cheo na historia, e non obstante non se pode pasar por alto a importancia dese xardín, seco, sen flores, que acaba provocando sentimentos contrapostos a medida que avanza a peza: ¿será un lugar creado para amar ou para morrer?

De todos modos, se hai algo que queira destacar desta obra é a sublime interpretación por parte do elenco. Non vou enganar a ninguén: é unha peza que emociona, e tampouco minto cando digo que houbo escenas nas que non puiden conter as bágoas. A perfectísima actuación de Melania Cruz (actriz que me sorprende cada día máis e mellor) fixo que me removese no asento, coa pel de galiña e arrepíos por todo o corpo. Os xestos, os movementos, as miradas, os berros, todo en harmonía, creando unha figura cada vez máis fráxil e consumida polas falsas promesas, pero con forza suficiente como para conseguilo. Se tivese que quedarme con algunha escena, non sabería elexir, pero está ben claro que Lucía estaría nela: a primeira escena a soas con Mateo (outro personaxe que fala cos ollos, grande Santi Romay), ou algunha das escenas finais, como a dos coitelos ou a das "arañas", que se alonga ata o desenlace fatal da protagonista (acompañada dunha avoa de conto encarnada por Luisa Merelas), serían as que máis me fixeron sentir a historia. O contraste entre a tráxica historia dunha xa moi lánguida Lucía e os contrapuntos irónicos por parte do resto de personaxes constitúen unha síntese ideal. Neste ámbito, pretendo destacar a César Cambeiro, ese Alberto, combinando o mellor de ambos mundos, que fixo que o público se rise polo baixo a pesar de estar presenciando como a protagonista se esfrangullaba lentamente.

Dende a miña perspectiva, os puntos fortes desta obra son, claramente, os diálogos (ou monólogos) e a interpretación dos actores e actrices. Nestes aspectos, nada é casual, cada frase, cada silencio, cada mirada e cada caricia contan, formando unha atmósfera envolvente que te leva con eses personaxes e os seus sentimentos durante o tempo do espectáculo (e incluso máis). Sen dúbida, paga a pena achegarse polo teatro para gozar de xoias coma esta.