Buscar neste blog

Amosando publicacións coa etiqueta cándido pazó. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta cándido pazó. Amosar todas as publicacións

venres, 25 de decembro de 2015

As do peixe: conversas entre conservas

    O mestre do teatro reivindicativo lócese de novo con esta peza. Proba disto é que, estreada a mediados do 2013, continúe en cartel. Cristina Domínguez dirixe esta coidada produción, na que Lisa, Tere, Conchi e Bego -catro traballadoras dunha conserveira pechada que ben merecen ser citadas polo nome- se reúnen para lembrar. Para lembrar todo o vivido naquel lugar. Un lugar no que non se limitaron a traballar, que durante unha época foi a súa segunda casa. Ou mellor dito, fogar, que non é o mesmo. Non nos queda claro se as cousas sempre están de ser ou non, pero o que sí se pode asegurar é que se procede das mans de Cándido Pazó, removerános. Tanto ten se é para rir ou para bagoar, a idea é remexernos no asento para saír do teatro cunha sensación distinta á indiferencia. 
     
    Non resulta necesario ter lazos coa industria conserveira, nin sequera con nada relacionado co mar, para conectar co que nos contan as protagonistas. Resulta engaiolante ver como as vivencias de Lisa, Tere, Conchi e Bego se trasladan a tantas situacións do noso día a día, orixinando unha empatía por momentos case máxica. Isto débese en gran medida a que o texto da peza esté baseado, precisamente, no testemuño de mulleres traballadoras reais, entrevistadas antes da elaboración desta obra. Por isto, ao que se lle pode engadir a linguaxe coloquial, as intervencións superpostas e os dialectalismos, xérase o realismo que dará lugar a ese vínculo co público: ten mérito, pois resulta complicado acadar ese punto no que semella que o que ocorre sobre as táboas é tan real coma o que hai fóra. Coma todo o que puido chegar a ocorrerlles a tantas traballadoras de conserveiras, e de quen sabe cantas máis industrias.
     
    O xogo co metateatro ten un papel fundamental, e dá lugar a un xeito sobresaínte de mesturar o pasado co presente. Vemos como as nosas mulleres son catro viaxeiras entre eses dous mundos; por momentos volven a ser novas, xa sexa a través de momentos emotivos ou momentos de humor (que boa estás, Basilisa!). Dous mundos que, a priori, están afastados (de aí que algunha das protagonistas se nos quede clavada xogando ao brilé) e, non obstante, dous mundos con historias repetidas. Resulta simpático ver que, para cumplir ese guión que se lles receita, elas deban interpretar a distintos personaxes cos que se cruzaron na súa andaina polos mundos da conserva. Como consecuencia, ofrécennos unhas caricaturas impresionistas daqueles que foran seus xefes, compañeiros ou familiares. O resultado é un curioso mosaico de diferentes personaxes tipo que constrúen o marco que, como era de esperar, tamén pode extrapolarse á actualidade: o xefe que se pasa de confiado cas empregadas, a nai que quere que o fillo siga estudando, a compañeira que dá bos consellos e se xoga o tipo polos demais. Con pequenos matices, os personaxes están construídos e postos á disposición das mentes do público.

    Improvisados instrumentos e pasos de baile, cambios de luces nos momentos chave creando unha atmosfera máis íntima e algún que outro cantar lévannos tamén de viaxe, dun recordo noutro, ata chegar a eses representativos versos e verbas do Celso Emilio reivindicador. Parece que haberá cousas que se vaian deixando para máis adiante, pero como di unha das nosas mulleres o máis adiante tamén acaba. De aí que peza culmine con ese gran remate, unha oda ás traballadoras das conserveiras que se acaba por espallar a todas as mulleres traballadoras, eloxiadas nun moi emotivo brinde final. Por todas elas. Polas do peixe.


    Enlace a Demolición, outra peza de Cándido Pazó

    martes, 19 de maio de 2015

    Demolición, de Cándido Pazó (Talía Teatro)


    Unha curva da estrada. Unha cadeira de rodas. Uns apartamentos en primeira liña de praia. Unha enfermidade. Varios coches. Un can negro. Unha praza de minusválidos. Un calcetín. Dous personaxes dispares. Dous pasados. Unha demolición. Isto e moitas curiosidades máis, no espectáculo Demolición, escrito e dirixido por Cándido Pazó e transmitido ao público a través de Toño Casais e Artur Trillo, de Talía Teatro.

    A sede da conversa, un lugar indeterminado ao lado dunha curva da estrada. Unhas pedras, os restos dun cartel enferruxado e unha farola escangallada son testemuñas dos xuízos de Santi Dinamita (Din) e Mario. É curioso como, paulatinamente, imos coñecendo a ambos personaxes. Os pensamentos dun vense de súpeto interrompidos polas palabras do outro, nun xogo de tira e afrouxa que nos mantén intrigados. Os comportamentos van collendo forma a medida que avanza a trama, para rematar cunha reconstrución case íntegra do pasado dos dous estraños. 

    Conversas cargadas de reflexión. A frustración como solución?  O pobo é bo por definición? Ata que punto todo é relativo? Sen dúbida, quédome coas ideas transmitidas a partir das formigas e os estorniños. Coas primeiras, cada individuo cumpre a súa función polo ben da colonia, nunha sempiterna alienación incuestionada. Os estorniños rompen, ironicamente, as inexistentes regras e trazan impredecibles traxectorias no ceo, marcando a súa propia liberdade. Dúas actitudes completamente opostas, que se poden trasladar sen moito esforzo ás da sociedade actual. 

    De xeito máis directo, menos metafórico, vemos que Cándido Pazó trata temas que están á orde do día, dende o propio título da peza (reforzado con sentenzas varias como "contra a especulación, demolición", "casas sen xente, xente sen casa") ata os problemas que conleva a condución temeraria, así como as perspectivas ante diversos temas por parte dos dous protagonistas, a miúdo opostas. Dúas personalidades chocantes entre si, pero ao mesmo tempo semellan "complementarias". Crúzanse miradas nos momentos xustos, as bágoas agroman nos seus ollos no momento adecuado: Artur Trillo e Toño Casais aportan esa credibilidade que precisa o teatro para deixar que o público sexa engulido pola historia. A síntese entre drama e comedia (comidrama: un termo que exprese esa alquimia dramática entre o humor e a emoción, entre a dor e o pracer, entre o divertimento e a reflexión) é sublime, de xeito que en ocasións mesmo foxe algún sorriso en momentos tensos sen que poidamos (nin queiramos) facer nada por evitalo. 

    Esta era unha desas pezas que había tempo que tiña ganas de ver, pero por unhas cousas ou por outras nunca se prestaba a ocasión. Finalmente conseguín facerme cunha butaca no Salón Teatro para aprezar esta completa obra, dun Cándido Pazó tan estupendo coma de costume (un dos meus directores predilectos). Así mesmo, o traballo dos dous actores é abraiante.

    Polo tanto, Talía Teatro, podería calificar esta obra con diferentes atributos (bela, irónica, ocorrente, destrutiva, soberbia, relativa, decidida), pero xa se sabe o que ocorre co substantivo e o adxetivo, así que mellor gárdome estes últimos entre parénteses.


    luns, 16 de marzo de 2015

    Xardín Suspenso, de Abel Neves (Centro Dramático Galego)

    Estreo este blog coa obra de teatro que hoxe vin no Salón Teatro de Santiago de Compostela: Xardín Suspenso, de Abel Neves. O espectáculo foi producido polo CDG (Centro Dramático Galego), cun elenco de primeira liña seguindo os movementos da batuta de Cándido Pazó.

    Se tivese que resumir nunha palabra esta representación teatral, supoño que me quedaría con intensa. O texto cobra unha importancia superlativa: as palabras convértense na clave do desenvolvemento psicolóxico dos personaxes, especialmente para Lucía. O espacio escénico acaba pasando a un segundo plano para o espectador cando se mete de cheo na historia, e non obstante non se pode pasar por alto a importancia dese xardín, seco, sen flores, que acaba provocando sentimentos contrapostos a medida que avanza a peza: ¿será un lugar creado para amar ou para morrer?

    De todos modos, se hai algo que queira destacar desta obra é a sublime interpretación por parte do elenco. Non vou enganar a ninguén: é unha peza que emociona, e tampouco minto cando digo que houbo escenas nas que non puiden conter as bágoas. A perfectísima actuación de Melania Cruz (actriz que me sorprende cada día máis e mellor) fixo que me removese no asento, coa pel de galiña e arrepíos por todo o corpo. Os xestos, os movementos, as miradas, os berros, todo en harmonía, creando unha figura cada vez máis fráxil e consumida polas falsas promesas, pero con forza suficiente como para conseguilo. Se tivese que quedarme con algunha escena, non sabería elexir, pero está ben claro que Lucía estaría nela: a primeira escena a soas con Mateo (outro personaxe que fala cos ollos, grande Santi Romay), ou algunha das escenas finais, como a dos coitelos ou a das "arañas", que se alonga ata o desenlace fatal da protagonista (acompañada dunha avoa de conto encarnada por Luisa Merelas), serían as que máis me fixeron sentir a historia. O contraste entre a tráxica historia dunha xa moi lánguida Lucía e os contrapuntos irónicos por parte do resto de personaxes constitúen unha síntese ideal. Neste ámbito, pretendo destacar a César Cambeiro, ese Alberto, combinando o mellor de ambos mundos, que fixo que o público se rise polo baixo a pesar de estar presenciando como a protagonista se esfrangullaba lentamente.

    Dende a miña perspectiva, os puntos fortes desta obra son, claramente, os diálogos (ou monólogos) e a interpretación dos actores e actrices. Nestes aspectos, nada é casual, cada frase, cada silencio, cada mirada e cada caricia contan, formando unha atmósfera envolvente que te leva con eses personaxes e os seus sentimentos durante o tempo do espectáculo (e incluso máis). Sen dúbida, paga a pena achegarse polo teatro para gozar de xoias coma esta.