Buscar neste blog

Amosando publicacións coa etiqueta quico cadaval. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta quico cadaval. Amosar todas as publicacións

sábado, 12 de marzo de 2016

Os (Excéntricos) amores de Jacques o fatalista

Falando de excentricidades, xa con Da Vinci tiña razón comentaramos que poucos hai ao nivel desta compañía. Á hora de contarnos Os amores de Jacques o Fatalista, non ían ser menos. A peza de Diderot alcanza unha nova dimensión con esta dramaturxia de Quico Cadaval, sendo complicado saír do teatro sen botar algunha que outra risada. Ou sen indignarse con algunha das controvertidas reflexións dos personaxes. En realidade, a peza dá para todo un pouco; será a maxia do teatro...

A cuarta parede dilúese, de tal xeito que cando os catro actores aparecen en escena, fano como iso. Actores. Actores que nos saúdan, que fan exercicios de quecemento, repasan pasos e que preparan o escenario para a posterior función. O público perde o don da invisibilidade e sae da escuridade do patio de butacas para ser testemuña das peripecias dos protagonistas dun xeito máis directo, un ti a ti máis claro. Persoalmente, resúltame moi atractiva esta maneira de enfocar calquera peza, facendo tamén partícipe ao espectador dese proceso previo á actuación. Formar parte dos preliminares de Os Amores de Jacques o Fatalista é, cando menos, curioso, por diferentes motivos. Recordar nalgún que outro momento que seguimos sendo parte dese backstage no que son os actores os que nos amosan como van construindo esa ficción e como superan os pequenos atrancos cos que se van atopando, tamén o é. 

Como nos advirte o nome da obra, os amores son o conto por excelencia. Nesta peza amósanse diferentes amores contados dende distintos puntos de vista, e vemos como os personaxes amosan as situacións según lles pareceron ou lles quixeron parecer. Como di Marcos Orsi, ao fin e ao cabo "é unha historia dentro de cada bar". Cando os personaxes masculinos falan, atrévense a dicir que se a muller é "suculenta", que se é "canalla", que se poñen en marcha os seus "mecanismos maliciosos". Non obstante, a figura da Pousadeira tamén ten a súa propia visión do que son os amores, e non dubida en ensinárllela aos dous atónitos hóspedes a través das súas propias historias.

Xa dentro da representación das historias que nos contan, un dos grandes atractivos da peza son as situacións tan caricaturescas coas que nos atopamos. Indo máis alá, incluso se podería dicir que non importa tanto o que nos contan, senón como nolo amosan sobre as táboas (as do escenario e as outras ás que tanto proveito lles sacan). Dende cómicas e milimetradas persecucións sobre taboleiros que son alpendres, ata ridículos e elegantes bailes que chegan a calquera recuncho do escenario, incluíndo neste gran saco a caracterización de cada personaxe. Dunha banda, os xestos sobreactuados na dose exacta. Doutra, ao seren todos tan excéntricos resulta engaiolante ver como se moven sobre o escenario, cada un portando a súa coreografía particular que os identifica instantaneamente. Por destacar algúns, atopámonos cun peculiar padriño e cunha torta nai que decidiu (mellor dito, decidiron por ela) deixar de ser unha muller de dubidosa moralidade e cambiar de vida, por ela e pola súa filla. Daquí, quero resaltar a indiscutiblemente perfecta intervención da rapaza da pel de porcelana, quen acaba conseguindo que o centolo entre na nasa. Se con outras pezas desta compañía o nivel de gargallada vai in crescendo, con esta o mesmo. A aparición da gran María Casares é outra desas grandes ideas que engancha dende o momento de ler o apartado do elenco. Cando aparece en escena, é imposible non prestarlle atención aínda que nalgún momento se atope en segundo plano, aínda que esté rezando nun curruncho. Ademais, hai que dicir que a pesares de que o marqués é un tanto machista, débese recoñecer que a escena do paraugas de preto do final é desas das que un se lembra ao repasar mentalmente a peza.

Sempre é un punto a favor o feito de que música e efectos sonoros se fagan en directo, e aquí non ía ser menos. Piti Sanz é o encargado de traer o vestiario adecuado á época de Diderot (e que llo rouben momentaneamente) e de poñer en ambiente as escenas que suceden. Pode ser unha figura que pasa desapercibida a maioría do tempo, pero sen dúbida é un dos grandes pilares que sosteñen a acción. A sutil música que acompaña algunhas das situacións é a responsable de que se forme esa atmosfera dentro doutra, servindo ao mesmo tempo de marcador do espazo. Especiais son tamén os momentos nos que o resto de actores contribúen a crear diferentes ambientes, xa sexa por medio da voz, como fai de maneira sublime María Costas en varias ocasións, ou coa axuda doutros obxetos.

Por saber queda se no rolo xigante que hai alá enriba se atopan escritos os amores de Jacques e os do resto de personaxes tal e como eles nolos contaron. Sexa como for, a versión que nos mostran os artistas de Producións Teatrais Excéntricas servirános, se non para saber a realidade, para pasar unha boa hora e media de entretidísimo teatro dentro de teatro. E coa axuda de María Casares. Case nada.


mércores, 9 de setembro de 2015

"Da Vinci tiña razón!", unha desas Producións Teatrais Excéntricas

Comezamos esta segunda tempada do blogue cunha obra de Roland Topor que non se parece a ningunha das que vin ata o momento. É ben certo que Da Vinci tiña razón! coa dirección de Quico Cadaval estreouse fai máis de ano e medio, pero é desas pezas que convén ver (aínda que sexa tarde) para botar unhas risas dende o patio de butacas. E é que, teatreiros, Da Vinci é a obra máis divertida, máis truculenta, máis pérfida, máis actual que xamais poderemos ver na televisión. Pódovos asegurar que isto é certo, xa que dificilmente atoparemos noutro lugar unha obra que, xirando en torno a un tema tan escatolóxico, sexa tan atractiva.

Cando alguén, hoxe en día, se dirixe a un actor ou actriz antes de comezar un espectáculo para desexarlle "moita merda", nunca se espera que esta afirmación sexa tomada de xeito literal; certamente, isto é o que ocorre con Da Vinci tiña razón! As primeiras alusións a tan menosprezado termo parecen mera casualidade, porén aos poucos minutos ímonos dando conta de que realmente ese vai ser o núcleo da peza, o cemento entre as dúas acomodadas familias (visitante e visitada) e incluso os veciños. A omnipresente merda perturba e trastorna aos personaxes, provocando que as relacións entre eles se fagan máis tensas ou máis próximas. O que semella comezar como unha reunión entre dúas familias que se levan aceptablemente ben, remata con moi fortes vínculos interfamiliares e con importantes (e irremediables) fisuras intrafamiliares. E todo isto por unha merda. Ou varias. Ou moitas. Por un monte de merda.

As marcadas características dos protagonistas da peza fan que cada un deles sexa único afrontando o drama dun xeito particular. Entre os caricaturescos personaxes hai actitudes de todo tipo, e cabe destacar que non se chega a ese punto no que entre tanta hipérbole nos esquecemos de que tras o clown hai unha persoa: neste caso, as particularidades ofrécennos unha visión impresionista de cada un. Hai quen se obsesiona con atopar ao culpable, quen se vai cagando polas esquinas, polo baño do veciño, quen se deixa levar polas emocións, quen finxe sorpresa con cada agasallo que chega, quen pensa que é o mellor momento para declarar o seu amor, quen se ve sometido a crueis interrogatorios, e incluso quen decide sacar un arma e rematar o drama dunha vez por todas. A pregunta é, ao final, quen é o culpable? Todos, un, ou ninguén? 

Como sempre acabo facendo algunha referencia á escenografía das pezas, neste caso non vai ser menos. Se hai algo que quero que aboie sobre este "mar de merda" son as sombras que entre escena e escena ornamentan o escenario. Xogar con eses paneis brancos e as siluetas dos personaxes é un punto a ter en conta que aporta un toque especial á peza e que pode pasar desapercibido entre tanto humor. Grazas a isto, a obra non se reduce a unha "comedia de sofá" sen apenas efectos escenográficos, senón que adquire unha certa elegancia dentro do que cabe. A isto tamén hai que engadir os tronos e lóstregos que soan e alumean durante a segunda metade da obra interrompendo os diálogos e chamando a atención sobre determinadas frases relacionadas, como era de esperar, con ese cemento marrón que o une todo.

De primeiras, pode parecer que o abuso dun termo ou dun tema sexan novedosos e atraíntes ao principio e que de cara ao final vaia perdendo forza; neste caso, sosteño que ocorre xustamente o contrario. Ao comezo da representación, acode á mente a idea de que unha peza tan monotemática acabará perdendo a graza pola sobreexplotación do chiste fácil. Porén, a medida que avanza, a risa é cada vez maior e, persoalmente, os gags dos últimos minutos son simplemente angustiosos, xa que hai que procurar controlar as risadas para non armar demasiado rebumbio. Por isto, noraboa a Quico Cadaval e en xeral a Producións Teatrais Excéntricas, grazas por tantas risas en tan pouco tempo. 

Xa teño dito que, persoalmente, as pezas teatrais coas que máis desfruto son aquelas nas que me paro a reflexionar ou nas que as emocións fan que teña que sacar un pano do peto para recoller as bágoas. Neste caso, aínda que non foi precisamente polo sentimento da obra, tamén tiven que limpar as meixelas. Chorar de risa tamén está ben. Conservar o sentido do humor sobre temas tan (absurdamente) tabús como é falar da merda, está mellor.