Buscar neste blog

martes, 24 de novembro de 2015

"Ensaio sobre a cegueira" e Sarabela: unha mirada cara a alma

"Creo que non nos quedamos cegos, creo que estamos cegos, cegos que ven, cegos que, vendo, non ven."
José Saramago en Ensaio sobre a cegueira

Ensaio sobre a cegueira trata fundamentalmente "a responsabilidade de ter ollos cando os outros xa os perderon". A célebre compañía Sarabela Teatro, da man de Ánxeles Cuña, é a encargada da posta en escena desta peza tan reflexiva de Saramago, coa participación de nove actores e actrices sobre o escenario e de varias ducias máis nos vídeos que acompañan a representación.
 
Dende a apertura do telón apreciamos nesa posta en escena un claro estilo Sarabela: un escenario no que todo pode ser de todo, conseguindo trasladarnos, con poucos elementos, a todos os lugares que se propoñen. Ademais, o apoio visual por parte dos vídeos dá lugar a unha atmosfera envolvente que nos fai ver e sentir claramente ese lugar no que se concentra a pandemia. Un lugar no que todo é branco inmaculado, no que todos visten dunha cor albela (aínda que cada vez menos impoluta) agás a muller do oftalmólogo, a única capaz de apreciar todo o espectro visible. E é que isto é o eixe da peza: a misteriosa cegueira branca colectiva fronte a unha muller que ve polo resto. Dunha banda, así somos: estamos cegos ante o mundo e case sen decatarnos podemos chegar a comportarnos coma algúns dos cegos en corentena: individualismo, insolidariedade e egoísmo, que dan lugar a unha sociedade na que a cadaquén o único que lle preocupa é o seu propio interese. Porén, doutra banda, esta cegueira espontánea tamén fortalece os lazos que unen aos personaxes principais, pois soamente xuntos serán quen de guiarse mutuamente por un mundo albuxíneo: ante as dificultades, o único xeito de seguir adiante é mediante o apoio e a unión de forzas, por febles que sexan.

A muller do oftalmólogo é quen guía en última instancia ao colectivo de cegos desa habitación. Unha heroína anónima que tamén se atopa nese cuarto e que ve polos demais axudándoos e defendéndoos voluntariamente, testemuña do pesadelo e de todos os abusos que alí se están vivindo e capaz de vingar moitas das inxustizas que se cometen. É un personaxe simbólico, un sinal de esperanza, de que haberá alguén capaz de actuar como mentora e sacar adiante ese grupo que tarde ou cedo recuperará a visión. Como se di na peza, "a voz é a vista de quen non ve", de aí que as palabras desta muller sexan tan reconfortantes para o resto de personaxes, moitos dos cales se dan conta de que ela non chegou a perder a vista.

"Os ollos son o único lugar do corpo no que tal vez exista unha alma" 
A muller do oftalmólogo en Ensaio sobre a cegueira

Cabe destacar a dureza de moitas das escenas da peza que fan que o espectador se quede amarrado con forza á butaca. Dende violentas mortes ata duras violacións, pasando polo medo a que unha porta sexa tirada abaixo e o sufrimento causado por algunha ferida, dan lugar a unha tensión constante sobre o escenario. O simple son que acompaña a unha pa guindada dende fóra pon os pelos de punta polo que ese xesto conleva, e doe ter que conter a rabia ao ver como se enganan, como abusan e se rouban a comida necesaria para sobrevivir. O espazo vaise volvendo cada vez máis sucio, ofrecéndonos unha estampa similar a un manicomio, ao inframundo, incluso a un campo de concentración. 

Persoalmente, sen dúbida, o momento máis emotivo é no que se nos amosa o poder da música. Uns cantos acordes serven como vía de escape, e durante uns segundos os cegos en corentena deixan de estar nese cuarto para irse aos seus lugares preferidos. Por uns instantes, son capaces de fuxir desa tortura para regresar á vida que levaban antes na que, probablemente, a música non parecería ser un ben tan prezado coma dentro desa habitación. Trasládanse mentalmente, apreciando o valor das pequenas cousas do día a día que constantemente pasan desapercibidas. Desapercibidas ata que o sentido da vista desaparece e toca ter en conta os estímulos que se transmiten a través do tacto, do oído, do olfacto, do gusto. Outra interesante reflexión froito desta emotiva produción teatral, moi na liña da compañía que nola ofrece.

Ningún comentario:

Publicar un comentario