Buscar neste blog

domingo, 15 de marzo de 2015

Breve presentación: ¿de que vai isto?

Estimado lector, non sei como alcanzaches esta páxina, se por casualidade ou á mantenta, pero non por iso vou deixar de darche a benvida á mesma.

Este blog é simplemente un recuncho creado para comentar, valorar, ou recomendar as producións teatrais ás que asista: pretendo transmitir o punto de vista dunha rapaza de 18 anos sobre os distintos espectáculos. Sinto que inicio esta páxina cun pouco de atraso, posto que xa foron moitas as obras ás que asistín ata o día de hoxe, así que é probable que algunhas entradas publicadas con posterioridade sexan de obras xa fóra de cartel; non obstante, sempre é agradable (penso eu) compartir co resto da xente aquelas obras que máis remexen o espírito, xa sexa mediante a comedia ou a traxedia, o clásico ou o contemporáneo, o absurdo ou o realista, a proximidade ou o afastamento

Non quero deixar pasar este momento sen antes comentar o nome do blog que inicio: teatro entre lusco e fusco. Pode parecer un nome elexido "porque soa ben", e ese tamén é un dos motivos. Non obstante, principalmente escollín este título posto que son ben poucas as obras teatrais nas que, ao saír do teatro, segue sendo de día. É dicir, gran parte das producións ás que asistín (e asistirei) son representadas entre lusco e fusco, a últimas horas da tarde ou co caer do día. 

En fin, ata aquí unha breve presentación desta páxina. Comezarei a comentar obras o antes posible.


BENVIDO A TEATRO ENTRE LUSCO E FUSCO!

Ningún comentario:

Publicar un comentario